O TRASNO Novo Teatro

O TRASNO Novo Teatro
untitled

Integrantes do Grupo
Antía, Raúl, Miriam, Irene, Miguel, Ana, Xaime
Lucía, Sefi, Mª Xosé

"Conversas na cuneta mentres a vida pasa alá fóra"

Creación do propio grupo, baseada en relatos de diversos autores e na amplia información saída a luz co gallo da chamada "Recuperación da memoria histórica".


21 nov 2010

Fin de Festa co X Aniversario da FEGATEA

Rematamos este ano 2010, a falta de algunha actuación de última hora que sempre aparece, con máis de 15 representacións, a organización do IV Encontro Teatral S. Andrés de Comesaña e a celebración do noso 30 Aniversario.

O balance é moi bo para O Trasno e os seus membros, visitamos novos escenarios e vilas, colaboramos con algúns grupos por 1ª vez, repetimos con outros e aprendimos de todos.

O que queda de ano o imos a adicar a cociñar novos proxectos e tamén á celebración do X Aniversario da FEGATEA (Federación Galega de Teatro Afeccionado), a cal como grupo fundador sentimos un pouco nosa. Participaremos tanto nos actos programados en Palas de Rei o próximo fin de semán como na gala no Teatro Principal de Santiago o 12 de decembro.

Dende este espacio vos convidamos a todos e todas a que compartades con O Trasno e o resto de grupos federados este importante evento.

Teatro e Liberdade Creativa.

26 oct 2010

CELEBRACIÓN E FOTOS DE TRES DÉCADAS.


Deixámosvos dous enlaces. Un que vos levará a un percorrido en fotos pola nosa historia e outro para que vos fagades unha idea do espectáculo da celebración dos nosos 30 anos.

1980-2010: A nosa historia en fotografías.

Tamén queremos agradecer unha vez máis a imprescindible e desinteresada participación da Sociedade Cultural Nautilius (Coral e Grupo de Gaitas), de Carlos Castro, Bea Riobó e Avelino González. As súas actuacións deron o toque de calidade a este acto tan entrañable para nós.

Celebración dos 30 anos de O TRASNO Novo Teatro.

Por último expresar o noso orgullo de pertencer a "O Trasno", este grupo que non é só noso senón tamén de cada un dos 61 compoñentes que pasaron polas súas filas nestas tres décadas. O mellor deste acto foi o momento en que todos os ex-Trasnos presentes no Auditorio subiron con nós ao escenario.

Grazas a todos e todas.

12 oct 2010

30 ANOS DE TEATRO: 1980 a 2010.

30 anos de vida do Grupo de Teatro



“O Trasno Novo Teatro” de Vigo.

En outubro deste ano 2010 "O Trasno" cumprimos trinta anos de funcionamento ininterrompido; neste longo período pasaron máis de 60 actores e actrices polo grupo, sendo canteira para grupos profesionais da comarca, para as series televisivas, etc.


Para celebrar esta efeméride dende "O Trasno" vos propoñemos un “Espectáculo Multidisciplinar” que se vai celebrar o próximo sábado 16 de outubro ás 20 horas no remodelado Auditorio do Concello de Vigo. Esperamos a todos/as os/as que pasaron polo grupo nalgún momento, así como amigos/as, simpatizantes e toda persoa que queira pasar un rato entretido e agradable.

Neste “Espectáculo Multidisciplinar” participarán persoas e grupos, de diversos campos artísticos, que teñen colaborado con O Trasno, ou viceversa, ao longo destes 30 anos da nosa historia. Entre os xa confirmados estarán: A Coral e Grupo de Gaitas da Sociedade Nautilius, Carlos Castro Roig (Membro de Fía na Roca, profesor do Conservatorio Superior de Música de Vigo...), Avelino González (polifacético actor profesional, natural de Comesaña, que ademais do teatro toca outros campos como as series televisivas, o cine, os monólogos, as animacións culturais...), e outras sorpresas.

Paralelamente, no mesmo Auditorio farase unha “Exposición de Carteis Teatrais” coa colección do propio grupo na que se atopan carteis desde o ano 1970 ata hoxe, non só do propio grupo senón tamén da maioría de Compañías Profesionais e Afeccionadas de Galiza así como outras do resto do estado.


Fundado en outubro do ano 1980 baixo o nome de “Sociedad Teatral O Trasno” por un grupo de mozos e mozas da parroquia de Comesaña en Vigo.

Estivo funcionando dentro da súa escaseza de medios técnicos, económicos e formativos propios daquel momento, e aínda así chegou a actuar no emblemático Teatro García Barbón coa obra “O pauto de San Formoso do Monte”.

Logo dun tempo fíxose cargo do mesmo Xaime Costas, quen xunto con integrantes do teatro escolar que dirixía e algúns dos fundadores do grupo, inician unha nova etapa que en 1988 coincide co cambio da denominación do Grupo á actual: “O TRASNO Novo Teatro”.


Na súa nova andadura, "O TRASNO Novo Teatro", formou parte dos grupos fundadores da FEGATEA (Federación Galega de Teatro Afeccionado) constituída no ano 2000. Así mesmo nos anos 2007, 2008, 2009 e neste 2010 organizou, respectivamente, o "I, II, III e IV Encontro Teatral S. Andrés de Comesaña” cunha ampla acollida e a participación de grupos locais e do resto de Galiza.


27 sept 2010

4º Encontro Teatral en fotos.

4º Encontro Teatral S. Andrés de Comesaña.

Xa botamos o peche á cuarta edición do Encontro Teatral San Andrés de Comesaña. Dende O Trasno queremos agadecer ás catro compañias participantes o bo traballo ofrecido nas táboas de Comesaña, á Sociedade Nautilius pola súa imprescindible colaboración e, por suposto, ao público que nos acompañou nestes catro sábados disfrutando, iso esperamos, da variedade de estilos teatrais deste 4º Encontro, que foi do espectáculo infantil pasando polo drama ata chegar á comedia.

Agora tócanos a nós coller o carromato e facer novos camiños.

A próxima fin de semana convidamos a todos/as os/as nosos/as amigos/as do norte de Galiza ás actuacións que faremos nos ciclos de Culleredo e Narón.

Teatrais saúdos.

23 sept 2010

Acto final !!

Despois do éxito de Ditea o pasado sábado chegamos á clausura do 4º Encontro Teatral San Andrés de Comesaña.

Para baixar o pano nesta edición vos ofrecemos un espectáculo teatral de alta escola. Non é estraño que Carrachanacacha teña recibido diversos premios por esta obra, o seu ritmo trepidante, a mordaz e irónica crítica ós “valores” da nosa sociedade, o seu humor ácido que conecta ó instante có espectador e lle arrinca sorrisos cómplices con personaxes e situacións, a súa coidada interpretación non defraudará a ninguén.

En fin non a podedes perder.

“Comendo pimentos de Padrom com Tarantino"

é a história dumha criatura que quere ser cantante...

é a história da sua nai, farta de coidar porcos, e do seu pasado...

é a história dum pianista no horizonte...

escrita e dirixida por Leandro Lamas.

15 sept 2010

Teatro de Cámara Ditea: 50 anos de amor polo teatro

Nesta 3ª xornada do noso Encontro Teatral temos o pracer de recibir os nosos amigos de Ditea (Santiago). Presentan unha entrañable e entretida comedia que eles definen así:

“A poucos días de calquera estrea en calquera teatro, reina o desorde: teares caídos, cables por todos lados, etc., etc. E é aquí onde dúas limpadoras irrompen no escenario; dúas mulleres que, inmersas no trasfego cotiá e alleas a todo este enredo faranduleiro van, inconscientemente, deixándose levar por unha sensación de liberación que lles produce o “espazo de ficción” e, pouco a pouco, amosan as súas paixóns afogadas, tecéndose así unha trama na que, a través das súas tráxicas vivenzas - producto do condenado destino- recoñecemos un mundo moi próximo e, paradoxalmente, cómico.

Dous seres traxicómicos que, por un casual, permítense o luxo de soñar un acto efémero e imprevisto.

“Acto imprevisto” é un espectáculo que reflicte a realidade cotiá, unha realidade latente en cada esquina, que a través do humor, intenta aproximarse ao público cun sabor agridoce.”

Vémonos ó sábado no teatro.

3 sept 2010

XA ESTAN EIQUÍ !!!!!

Inda ben non remataron os foguetes que anuncian o comezo das festas de Comesaña (Vigo), e xusto ao remate das actuacións dos grupos de baile, a pouco máis de douscentos metros:

"MARAÑAO, ASOCIACIÓN DE TEATRO" de Ourense están listos para poñer enriba do escenario da S.C. Nautilius o espectáculo que inicia o 4º Encontro Teatral.

RECICLOWN

Mañá sábado 4 de setembro ás 21 horas.

É unha obra especialmente dirixida ao público infantil pero que divertirá a todos e todas, ben estean na festa ou veñan de lonxe, ou de aí ao lado ou de máis lonxe aínda, pero que veñan, iso é o que importa pois a festa do teatro comeza en Comesaña e continuará os sábados sucesivos durante todo o mes.

...... para a semana máis !!!

26 ago 2010

E XA SON CATRO !!!!

O que comezou como un “experimento”, unha proba, a ilusión de que os pobos e barrios, e non só as grandes urbes, poden ter ao seu alcance espectáculos teatrais de diversos estilos e de calidade, semella que comeza a consolidarse.


O Trasno iniciou esta andaina como organizador con non poucos atrancos, dificultades, escaseza de medios e de apoios, pero grazas ao esforzo de todos/as os/as integrantes e o convencemento de que alguén ten que dar sempre un primeiro paso, o 1º Encontro Teatral saíu adiante en 2007.


Moitos foron os sorprendidos pola boa acollida e o éxito de público, a verdade é que nós tamén. Pero a verdadeira sorpresa ocorreu pasados uns meses, cando a xente de Comesaña, os compañeiros/as de traballo, as amizades, comezaron a facer preguntas insólitas: ¿Que grupos veñen este ano?, ¿Traedes algunha comedia?, ¿Tedes obra infantil?, ¿Vai ser tamén en setembro?... e resultou que esta vez as preguntas foron máis importantes que as respostas; é por iso que chegaron o 2º e 3º Encontros.


Pois ben, hoxe temos o inmenso pracer de presentarvos a programación do “4º Encontro Teatral S. Andrés de Comesaña”.


O noso propósito segue sendo o mesmo, achegar toda a diversidade teatral posible ao público de Comesaña, Vigo e resto do mundo. Ao mesmo tempo, tamén procuramos intercambiar experiencias, maneiras e conceptos cos heteroxéneos grupos que nos visitan, ofrecéndolles un trato persoal, tentando atender as súas necesidades e resolvendo con eles as dificultades que supón, nalgúns casos, adaptarse ao limitado espazo do salón de Comesaña.


Temos que agradecer un ano máis á Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA) a súa imprescindible colaboración para conseguir a subvención económica para pagar aos grupos. Tamén á Sociedade Nautilius e a Elisa, a súa presidenta, que nos deu todas as facilidades para utilizar o Salón de Actos, ademais de encargarse dos agasallos aos grupos participantes, incluíndo os gastronómicos ao remate da función, tan apreciados por actores e actrices.


O día 4 de setembro levántase o pano cunha obra dirixida ao público infantil, seguirá un drama que nos dará unha visión retrospectiva da sociedade contemporánea local e remataremos con dúas hilarantes comedias, tan distintas entre si que semella imposible que pertenzan ao mesmo xénero. Tamén teremos unha exposición conmemorativa do X aniversario da FEGATEA.

Iremos informándovos.



Benvidos e benvidas ao Teatro

4 jun 2010

2010: despois de anos de esforzo semella que chega a colleita.

Pois si, moitas das loitas mantidas dende sempre polos do “teatro afeccionado” parecen estar a dar, non sen tempo, resultados positivos:

Este ano celebramos o X aniversario da nosa federación, a FEGATEA, despois de varios intentos falidos para agrupar os grupos de teatro afeccionado de Galicia poucos confiaban no seu futuro. Nembargantes vai facer dez anos, aumentando mes a mes o número de asociados, cun Festival anual (O Agustín Magán) consolidado e que mostra os mellores espectáculos do ano e, o mais importante, cun acordo coa Xunta, dende hai catro anos, para a celebración de ciclos teatrais por toda a xeografía galega.

2010 tamén é testemuña da inclusión, por primeira vez, dos grupos de teatro afeccionado no “Vigo a Escena”, circuíto teatral do noso concello vedado ata o de agora para nós. O Trasno xunto con outros grupos de Vigo vemos así cumprida unha antiga e insistentemente demandada aspiración.

Por último e seguramente mais transcendente para os Trasnos, cumprimos 30 anos de teatro ininterrompido e xa estamos preparando un acto de celebración que, se todo vai ben, celebraremos en outubro, despois de organizar por ano consecutivo o Encontro Teatral de Comesaña en setembro, con grupos de varios puntos de Galicia.

Ademais de todos estes acontecementos seguimos cás nosas actuacións, este sábado en Coruña, repetimos no XII Certamen de Teatro Escolar e Afeccionado (Colexio Calvo Sotelo) onde tan ben tratados fomos o ano pasado.

Un saúdo a todos e todas por estar aí, tentaremos mantervos informados/as das nosas trasnadas.

26 mar 2010

27 de marzo: Día Mundial do Teatro

O ITI leva celebrando o Día Mundial do Teatro cada 27 de marzo dende 1961, e cada ano realiza un acto para conmemorar este día. A encargada de redactar a mensaxe no presente ano foi Judi Dench.

Mensaxe do Día Mundial do Teatro
–Judi Dench –

O Día Mundial do Teatro é unha oportunidade para celebrar o Teatro dunha miríade de formas. O Teatro é unha fonte de entretemento e inspiración, e ten a habilidade de unificar as diversas culturas e ás xentes de todo o mundo. Pero o teatro é moito máis ca eso e tamén brinda oportunidades para educar e informar.

O Teatro representase en todo o mundo e non sempre nos escenarios tradicionais. As representacións poden suceder nun pequeno pobo de África, nunha montaña en Armenia ou nunha pequena illa do Pacífico. Todo o que precisa é un lugar e un público. O Teatro ten a habilidade de facernos sorrir, de facernos chorar, pero tamén debería facernos pensar e reflexionar.

O Teatro xurde a partires do traballo en grupo. Os actores son as persoas que se ven, pero hai un gran número de persoas ás que non se ve. Son tan importantes coma os actores e as súas variadas e especializadas habilidades fan que unha producción sexa posible. Tamén deberían compartir os triunfos e os éxitos que podan ocorrer.

O 27 de marzo é oficialmente o Día Mundial do Teatro. Por moitos motivos todos os días deberían ser considerados días do teatro, porque temos a responsabilidade de continuar a tradición de entreter, de educar e de iluminar as nosas audiencias, sen as cales non existiriamos.

Judi Dench, unha das actrices mais respectadas e populares do Reino Unido, foi a elixida polo Instituto Internacional do Teatro para redactar a mensaxe do Día Mundial do Teatro neste 2010, a actriz conseguiu gañarse unha reputación como unha das mellores actrices do período da post-guerra, principalmente polo seu traballo en teatro, disciplina que foi o seu punto forte ao longo da súa carreira. Foi condecorada pola Orden do Imperio Británico en 1970 para posteriormente ser nomeada Dama. Dench foi coñecida sobre o escenario particularmente na Royal Shakespeare Company, onde representou os roles principais de personaxes clásicos, modernos e cómicos, ademais de contar cunha dilatada traxectoria en televisión e cine.

21 ene 2010

Os Trasnos en Santiago e Herrera (Sevilla).


Pois xa iniciamos unha nova década, case nada!. Dende O Trasno vos enviamos unha grande aperta de benvida a este 2010, ano moi especial para nos, como iredes descubrindo se seguides o noso blog.

Pero hoxe toca pechar 2009.

O pano caeu despois dun desenlace brillante. Decembro de 2009 xa está na nosa historia: Volvemos ser seleccionados por 4ª vez para o Festival Agustín Magán (Santiago) e representamos "Conversas na cuneta mentres a vida pasa alá fóra" no XII Festival Martín Arjona (Herrera-Sevilla), por primeira vez fóra de Galicia e en español.

O do Agustín Magán nos enche de satisfacción, é inmensamente gratificante que os/as compañeiros/as da nosa Federación Galega de Teatro Afeccionado nos escollan para que mostremos o noso espectáculo no seu festival anual, e ademais no Teatro Principal de Santiago, cargado de historia e nomes do TEATRO en maiúsculas.

Ir a Herrera foi toda unha experiencia. Canto nos lembramos dos titiriteiros, de pobo en pobo de vila en vila. Que dura tiña que ser esa viaxe permanente na procura dos aplausos, do sustento, das loanzas, soñando co éxito, ca praza chea de merda de centos de cabalos que trouxeran os seus amos dende lonxe para ver o espectáculo.

Pois a verdade nos non somos tan sacrificados, despois das nove horas de furgoneta fixemos turismo en Sevilla, ou sexa volta o redor da Giralda e despois viños e cañas e comer e mais cañas e rir a gargalladas, iso si coma bos galegos levamos con nos a chuvia, vaia diluvio.

En Herrera facía moito frío e as rúas estaban valeiras, a pesar diso a xente acudiu a función, os nervios das actrices eran evidentes, temíamos a posible confusión entre español e galego, que ó estar pendentes do idioma a obra perdera forza e ritmo, que non se entendera a historia e a mensaxe que queremos transmitir, de todo.

O remate o público aplaudía posto en pé e todo mereceu a pena.


Festivales Agustín Magán (Santiago) y Martín Arjona (Herrera - Sevilla).


Unhas poucas fotos do noso paso polos Festivais.