O TRASNO Novo Teatro

O TRASNO Novo Teatro
untitled

Integrantes do Grupo
Antía, Raúl, Miriam, Irene, Miguel, Ana, Xaime
Lucía, Sefi, Mª Xosé

"Conversas na cuneta mentres a vida pasa alá fóra"

Creación do propio grupo, baseada en relatos de diversos autores e na amplia información saída a luz co gallo da chamada "Recuperación da memoria histórica".


25 nov 2011

SÁBADO 26 ÁS 20H, O TRASNO EN ARTEIXO


Este sábado 26 de novembro ás 20 horas actuamos con "Conversas na cuneta mentres a vida pasa alá fóra" no Auditorio Municipal de Arteixo.

Esta actuación enmárcase dentro do ciclo de teatro organizado pola Asociación Teatral Paso de Valverde.

saúdos

9 nov 2011

Conversas na cuneta... en San Vicente do Mar

O vindeiro domingo 13 de novembro ás 19 horas, actuaremos en San Vicente do Mar dentro do ciclo de teatro "Domingos de Outono" organizado pola asociación Roza do Pedrol. Poremos en escena "Conversas na cuneta mentres a vida pasa alá fora" na Casa da cultura Ángel Vázquez Hereder.

 Noticia na Voz de Galicia do 3/11/2011:
A asociación Roza do Pedrol, de San Vicente do Grove, volve apostar un ano máis por poñer ao alcance dos seus veciños o mellor teatro afeccionado que se fai en Galicia. A celebración deste ciclo é posible, segundo explica a entidade organizadora, grazas a unha subvención concedida por parte da Dirección xeral de promoción e difusión da cultura, e ao respaldo da Federación galega de teatro afeccionado (FEGATEA) e da concellería de Cultura do Grove.

Unha aperta e ata o domingo
O Trasno

5 oct 2011

O TRASNO ACTÚA NO CAFÉ "HIPÓLITO BAR"

O noso grupo sempre busca a máxima interacción co público, en moitas das nosas obras participa e noutras somos nós os que invadimos o seu espazo de tranquilos espectadores. Por iso o café-teatro é para nós unha experiencia desexada, procurada e sempre gratificante, onde o contacto direito co público e a súa reacción, que entra inmediatamente polos poros da pel, ante os estímulos que lle propoñemos excita, si excita, a actrices e actores coma ningún outro tipo de representación.

O Trasno ten actuado en cafés tan emblemáticos en Vigo, aínda que lamentablemente desaparecidos, como o "Trincheira" ou o "Odeón", e noutros que por fortuna aínda loitan como o "De Catro a Catro" ou o "Uf", así coma fóra da nosa cidade, coma por exemplo no "Ollo Ledo Café" de Ourense.

Nesta ocasión adaptamos a nosa anterior obra "D2N2,3" para podela representar neste tipo de espazos escénicos e así non perder este vicio de explorar tódalas posibilidades ao noso alcance no maravilloso mundo do TEATRO.
Esta estrea producirase o sábado día 8 de outubro ás 22 horas no café "Hipólito Bar" de Vigo, alí vos esperamos.

22 sept 2011

¡COMEDIA! PARA A ÚLTIMA XORNADA DO 5º ENCONTRO TEATRAL DE COMESAÑA



Chegamos o final, e que mellor que rematar entre gargalladas e bágoas de ledicia.

Por iso mesmo O Trasno vos ofrece a actuación do grupo do Barco de Valdeorras (Ourense) GARGALLADA TEATRO cá obra " A Abraiante Vida de Braian", versión libre e desternillante sobre a vida de Braian, paisano de Xesús de Nazaret, cegado polo amor de Judith entrará como militante na Fronte Popular Xudea e loitará, a súa maneira, para liberar o seu pobo da opresión romana.

Esperámosvos en Comesaña para botar unhas risas xuntos e pechar o 5º Encontro Teatral S. Andrés de Comesaña, organizado por O Trasno.

Saúdos, creatividade e diversión.

16 sept 2011

3ª Xornada do 5º Encontro Teatral en Comesaña

Este sábado 17 ás 21h, ¡ Tócalle ó Teatro Clásico !
O grupo Achádego Teatro de Lugo representa "As Alegres Comadres" de William Shakespeare, unha das mais divertidas comedias de enredo do ilustre dramaturgo inglés.
Despois de chegar o ecuador do Encontro Teatral, Os Trasnos estamos moi satisfeitos da voa resposta do público e de conseguir que grupos de toda Galicia visiten Comesaña e nos deleiten cós seus espectáculos de diversos xéneros.

Gracias e ¡que continúe o espectáculo!

8 sept 2011

2ª Xornada de Teatro en Comesaña


O pasado sábado inaugurou o noso Encontro teatral a compañía Trécola de Ourense. Agasallounos cun emotivo e coidado espectáculo que encandilou a pequenos e maiores: “A ESTRAÑA HISTORIA DOS LADRÓNS DO TEMPO E DA NENA QUE DEVOLVEU O TEMPO ÓS HOMES”. unha revisión de Momo de Michael Ende. 


Pasado mañá, sábado 10, seguindo a idea de O Trasno de ofrecer o espectro mais amplo posible do mundo teatral ós espectadores que se acheguen a Comesaña, cambiamos de rexistro e vos propoñemos a obra "Drammatico" do Grupo de Coruña "Paso de Valverde", un grupo que coida especialmente a expresión corporal e a proxección da voz, onde o actor e a actriz son absolutos protagonistas. 

"Drammatico" é un espectáculo cómico e tráxico. A familia dos cómicos italianos I Fratelli Fratellini chega ao noso país coa sua aposta máis arriscada: por vez primeira na história da compañia apresentarán un espectáculo dramático. Duas xeracións de artistas do mesmo sangue levarán aos palcos unha historia onde o amor morre cedo e a miséria vai cimentando os ocos das relacións familiares. Unha historia de fracasos e ódios non tan lonxanos como quereriamos pensar. 

Desexamos que vos guste.

25 ago 2011

5º Encontro Teatral S. Andrés de Comesaña

Xa temos preparada a programación deste ano.

Como nos Encontros Teatrais anteriores tratamos de achegar propostas representativas das diversas tendencias de toda a xeografía da actual escena teatral galega, de diferentes xéneros e temáticas.

O cartaz que vos propoñemos vai dende o teatro infantil ata o teatro clásico, dende a comedia ata o drama, con postas en escena tradicionais e tamén vangardistas ou alternativas.

Desexamos que sexa do voso agrado. Nos posteriores post informaremos das características de cada espectáculo, estes terán lugar ás 21 horas dos sábados de setembro na Sociedade Nautilius de S. Andrés de Comesaña en Vigo.

Data             Grupo                              Obra
03/09   Trécola (Ouren)   Estraña Historia dos Ladróns de Tempo
10/09   Paso de Valverde (Arteixo)    Drammático
17/09   Achádego (Lugo)               As Alegres Comadres
24/09   Gargallada (O Barco)        A Abraiante Vida de Brian

Por outra banda O Trasno levamos un tempo a traballar nun novo espectáculo, pretendemos pechar unha triloxía que comezou con "Unha muller, unha historia" en 1998 e continuou con "Muller Que?" no 2004, sobre o tema do encontro da muller coa súa propia vida.
Os temas referidos á muller en xeral ocupounos diversos tempos teatrais e aínda o temos en cartel dende 2008 con "Conversas na cuneta ..."

Unha teatral aperta

3 ago 2011

VACACIÓNS ACTIVAS

Para a vosa tranquilidade o curso de Comedia do Arte celebrouse despois de tanto aprazamento. Foi unha experiencia moi enriquecedora para todos/as os/as participantes. Avelino imprimiu un ritmo esixente e trepidante que fixo que ademais de ser moi didáctico, práctico e ameno, este curso provocara "agujetas" nos/nas alumnos/as. Recomendámosvos a Avelino como profesor, tanto polos seus coñecementos, como pola súa entrega e implicación persoal.
Vestiario na furgoneta. Todas as trabas son pequenas
cando a ilusión polo teatro é o único importante.

Por outra banda seguimos actuando polo mundo adiante. O pasado 24 de xullo tivemos o pracer de actuar en Fornelos da Ribeira, por primeira vez ao aire libre con "Conversas na cunetra mentres..." (con outras obras xa o fixéramos). Foi unha actuación especial, con todo o pobo na praza, 300 persoas de todas as idades compartindo unha noite teatral. É de agradecer o entusiasmo e entrega dos membros da asociación Solpor que ano a ano levan teatro ata Fornelos a pesar das dificultades e a escaseza de medios.
Nós sentímonos moi ben, tanto durante a actuación, como no ágape e tertulia posterior. Grazas

En próximas entradas presentarémosvos a programación do 5º Encontro teatral S. Andrés de Comesaña, que temos case pechada.

27 jun 2011

Cambio datas curso "Commedia dell'Arte"

Unha vez máis, por novos problemas de axenda, vémonos na obriga de cambiar as datas, pero non para tan lonxe. Nesta ocasión quedan deste xeito:

Domingo, día 3 de xullo
Sábado, día 9 de xullo


Os horarios seguen igual.

Disculpade. Esperámosvos.

O Trasno Novo Teatro

5 jun 2011

Comedia del Arte. Novas datas

Por motivos de axenda tivemos que cambiar as datas do curso que vai impartir Avelino González.



Impartirase os días 2 e 3 de xullo (sábado e domingo) en horario de 10h a 14h e 16h a 20h, en San Andrés de Comesaña (Vigo).



O prazo de inscripción remata o 28 de xuño, quedan algunhas prazas.


¡ Animádevos !

11 may 2011

CURSO DE "COMEDIA DEL ARTE"

Xa estamos de volta.

Despois dun comezo de ano cargado de obrigacións laborais e personais para a maioría dos membros do noso grupo, recuperamos, pouco a pouco, a actividade teatral de O Trasno.

Tivemos un par de actuacións nestes primeiros meses de 2011 (Valadares, Salceda de Caselas, Entroido en Comesaña...) e temos como obxectivo preparar un novo espectáculo no que xa estamos a traballar.

Mentres cociñamos novos proxectos non podemos esquecer a nosa necesaria formación teatral, por iso organizamos un curso teatral (dentro do programa formativo da FEGATEA) para avanzar como actrices e actores na procura de interpretacións de mellor calidade. Nesta ocasión decidímonos pola "Comedia del Arte" e como mestre "Avelino González", director e actor profesional, quen xa ten colaborado noutras ocasións con O Trasno.

O curso vaise facer os sábados 21 e 28 de maio (16 horas en total) e aínda temos prazas por se alguén está interesado en acudir ao mesmo para disfrutar e aprender con nós.

Para que vos acabedes de animar deixámosvos os enlaces ás web's de Avelino Gonzalez para que vexades a súa experiencia e lle poñades cara.


Unha aperta e feliz ano novo.