O TRASNO Novo Teatro

O TRASNO Novo Teatro
untitled

Integrantes do Grupo
Antía, Raúl, Miriam, Irene, Miguel, Ana, Xaime
Lucía, Sefi, Mª Xosé

"Conversas na cuneta mentres a vida pasa alá fóra"

Creación do propio grupo, baseada en relatos de diversos autores e na amplia información saída a luz co gallo da chamada "Recuperación da memoria histórica".


6 dic 2013

XII Festival de teatro amador "Agustín Magán"

Estamos de noraboa, "CONSUELO", a nosa última montaxe,  foi seleccionada para participar no XII Festival de teatro amador "Agustín Magán" organizado pola Federación Galega de Teatro Afeccionado.


Mañá Sábado, esperamos atoparvos a todos/as no Teatro Principal de Santiago de Compostela ás 19.00 horas.

28 sept 2013

O Trasno en Lugo, mañá domingo 29 de setembro ás 20h no Auditorio Municipal Gustavo Freire



O Trasno representará a súa última montaxe " Consuelo".

Mañá esperamos atoparvos a todos/as en Lugo, ás 20h no Auditorio Municipal Gustavo Freire
na Mostra de Teatro FEGATEA MÓVETE 2013.

27 sept 2013

NNC Teatro Clausura o noso 7º Encontro Teatral

Mañá sábado 28 de setembro ás 21h no Centro Cultural de S.Andrés de Comesaña (VIGO), no marco do 7º Encontro Teatral organizado por O Trasno, o grupo de teatro NNC Teatro clausura cá súa obra "Santa Perpetua", entrada gratuíta.

Esta obra acadou en 2013 o Premio ao mellor espectáculo na Mostra de Teatro Universitario de Galicia e o Premio ao mellor actor (Roi Méndez) na dita Mostra.




Perpetua vive deitada dende tempo inmemoriais. As súas dúas irmás, Plácida e Pacífica, atenden as súas necesidades e ocúpanse das labores do fogar. Entre as tres sosteñen un lucrativo negocio baseado nas cualidades de Perpetua. E é que Perpetua é Santa e visionaria. É quen de predicir o futuro e de facer milagres. Pero Perpetua agocha un segredo escuro, moi escuro que se perde entre a néboa e os anos. O mundo perfecto de visitas, visións e bendicións derrúbase como un castelo de naipes coa aparición dun cuarto personaxe que porá patas arriba o universo das tres irmás. Dende ese momento nada volverá a ser o mesmo.

21 sept 2013















Hoxe ás 21h no Centro Cultural de S.Andrés de Comesaña (VIGO), no marco do 7º Encontro Teatral organizado por O Trasno, o grupo de teatro Trécola presenta a súa obra "A Verdadeira Historia do Corazón Reloxo", apta para todos os públicos e con entrada gratuíta.






Se non tocamos as agullas do noso corazón
Se dominamos sempre a nosa cólera
Se non namoramos xamais
É moi posible que consigamos non fracturar os nosos ósos
É posible, tamén, que o noso corazón non se estrague

Dun lado o calor dunha nai, doutro o día máis frío da historia
Dun lado a cama, o arrolo, o mimo, doutro a incertidume do que hai fóra

Semella doado decantarse… Pero na incertidume e no frío está a cidade imaxinada, está a viaxe, está a loita, está a superación dos medos, está o coñecemento do mundo e dun mesmo, está Mis Acacia, a razón de vivir, aquilo que nos leva ao Extraordinario…

E é que cando seguimos os impulsos do corazón, por máis que o reloxo que o mantén en movemento poida estragarse, é cando nos sentimos máis vivos.

A VERDADEIRA HISTORIA DO CORAZÓN RELOXO
TRÉCOLA TEATRO

Dramaturxia de María Díaz a partir de “A mecánica do corazón de Mathias Malzieu

Dirección de Fernando Dacosta




15 sept 2013

Onte, sábado día 14, no marco do 7º Encontro Teatral S. Andrés de Comesaña, tivemos a actuación do grupo Parápono Teatro de Lugo coa estrea da obra A Criada. Un verdadeiro pracer contar con estes colegas teatrais no noso Encontro, algúns vellos coñecidos como Randy (escritor, director e actor na obra) e outros novos amigos xa de O Trasno, Pablo, Adela, Paula, Hugo. Gracias polo voso excelente traballo.



3 sept 2013

7º Encontro Teatral S. Andrés de Comesaña



Xa estamos, un ano máis, e van 7, ás portas do Encontro Teatral de Comesaña, este ano baixo o lema FEGATEA MOVETE!! co obxetivo de que os grupos se desplacen fóra do seu ambiente máis habitual.
Pois ben, Setembro mes de teatro en Comesaña (Vigo a un lado).

Choiva de ideas



O longo de este tempo sen entradas no blog ... un segredo..."non estivemos inactivos"
Todo o contrario...adicámonos á preparación, máis que preparación propiamente dita, ó estudo, selección, combinación, etc. de textos que nos den pé ó cambio de temática que pretendemos máis "cómica", buscamos a comedia nun senso menos trascendente do que viñamos movéndonos para achegarnos a un estilo máis "liviano".

17 ago 2013

CONSUELO

Acabamos de publicar as nosas próximas actuacións con CONSUELO, monólogo a dúas bandas que pretende recuperar o téxto no escenario aderezado con teatrais sorpresas.


25 mar 2013

Día Mundial do Teatro

A Federación Galega de Teatro Afeccionado da que somos socios fundadores, enviounos o seguinte comunicado:

Como sabedes, o 27 de marzo festexamos o día mundial do teatro. Pode que esta data non sexa de todo especial para nós, que temos o corazón debaixo dos focos nos restantes 364 días, pero non queremos deixar escapar a ocasión de felicitar o noso día e mandar unha grande aperta para todas as persoas que integramos a FEGATEA e o teatro amador galego. Nestes tempos difíciles, nunca está de máis lembrar que non loitamos sós, pois somos moitas as persoas que queremos un teatro libre e digno.

Queremos, por iso, facervos chegar as palabras de Dario Fo, encargado do manifesto deste ano (en tradución ao galego da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia: Que as retranqueiras advertencias do mestre Fo nos preveñan e nos manteñan atentos e despertos.



"Hai moito tempo, o poder tomou unha decisión intolerante contra os comediantes ao botalos fóra do país. Actualmente, os actores e as compañías teatrais teñen dificultades para encontraren escenarios públicos, teatros e espectadores, todo por mor da crise.

Os dirixentes, polo tanto, xa non están preocupados por controlaren a aqueles que os citan con ironía e sarcasmo, xa que non hai sitio para os actores, nin hai un público ao que se dirixir.

Pola contra, durante o Renacemento, en Italia, os que gobernaban, tiveron que facer un esforzo importante para manteren a raia aos Comediantes, pois reunían abondoso público.

Sábese que o grande éxodo de actores da Commedia dell'Arte tivo lugar no século da Contrarreforma, cando se decretou o desmantelamento de todos os espazos teatrais, especialmente en Roma, onde foron acusados de ofenderen á cidade santa. En 1697, o Papa Inocente XII, baixo a presión de insistentes requirimentos do sector máis conservador da burguesía e dos máximos expoñentes do clero, ordenou a eliminación do Teatro Tordinona que, segundo os moralistas, dera acubillo ao meirande número de representacións obscenas.

Na época da Contrarreforma, o cardenal Carlos Borromeo, que estivo activo no norte de Italia, consagrouse á redención dos 'nenos milaneses', establecendo unha nidia distinción entre a arte, como máxima expresión da educación espiritual, e o teatro, coma manifestación do profano e do vaidoso. Nunha carta dirixida aos seus colaboradores, que cito de memoria, exprésase máis ou menos así: "Os que estamos a prol da erradicación das malas herbas, fixemos o posible por queimar textos que conteñen discursos infames, para extirpalos da memoria dos homes, e ao mesmo tempo perseguir a todos aqueles que divulgan eses textos impresos. Evidentemente, porén, mentres durmiamos, o diaño maquinou con renovada astucia. Ata que punto é máis punzante na alma o que os ollos poden ver que o que poidan ler dos libros dese xénero! Ata que punto máis devastadora para as mentes dos adolescentes e dos nenos é a palabra falada e o xesto apropiado, que unha palabra morta impresa nun libro! Polo tanto é urxente sacarmos ás xentes do teatro e das nosas cidades, como o facemos coas almas indesexables."

Polo tanto, a única solución á crise baséase na esperanza de que se organice unha gran caza de bruxas contra todos nosoutros e especialmente contra a xente moza que desexa aprender a arte do teatro: unha nova diáspora de Comediantes que, dende tal imposición, sen lugar a dúbidas, provocará beneficios inimaxinables para o ben dunha nova representación.

Saúde e teatro.