O TRASNO Novo Teatro

O TRASNO Novo Teatro
untitled

Integrantes do Grupo
Antía, Raúl, Miriam, Irene, Miguel, Ana, Xaime
Lucía, Sefi, Mª Xosé

"Conversas na cuneta mentres a vida pasa alá fóra"

Creación do propio grupo, baseada en relatos de diversos autores e na amplia información saída a luz co gallo da chamada "Recuperación da memoria histórica".


30 nov 2009

Seleccionados para os Festivais Agustín Magán (Santiago) e Martín Arjona (Herrera-Sevilla).

“Conversas na cuneta mentres a vida pasa alá fora” foi seleccionada para participar no VIII Festival de Teatro Agustín Magán, organizado pola “FEGATEA” (Federación de Teatro Afeccionado de Galicia). Este é o Festival mais importante de Galicia para grupos non profesionais, onde se pretende reunir e mostrar ó público os mellores montaxes de cada ano.

A representación terá lugar no Teatro Principal de Santiago, o día 6 de decembro ás 21 horas.

Esta mesma obra tamén resultou elixida para ser representada en Herrera (Sevilla) dentro do XII Festival de Teatro Martín Arjona, o día 19 de decembro ás 20 horas, na Casa da Cultura.

Estamos moi ilusionados, tanto polo orgullo de ser seleccionados pola nosa Federación como por poder mostrar o noso traballo en terras andaluzas, o que suporá a primeira representación de esta obra en español.

Xa vos contaremos como nos vai.

1 nov 2009

Fotografías do 3º Encontro Teatral San Andrés de Comesaña.

3º Encontro Teatral S. Andrés de Comesaña.

Rematamos o mes de Outubro cunha actividade febril: pechamos o noso "Encontro Teatral" con grande éxito de público o que nos anima de cara a futuras edicións. Ademais actuamos con "D2N2,3" en Trasmañó (Redondela) e con "Conversas na cuneta..." en Navia (Vigo), Vedra e Caranza (Ferrol).

Como grupo de Teatro Afeccionado cada actuación supón un gran esforzo xa que non se trata só de actuar, tamén temos que cargar o material na furgoneta, montalo no lugar da representación, actuar, desmontar todo, metelo na furgoneta, chegar o noso local e gardalo todo, ou sexa todo o día en danza. De calquer xeito todo vale a pena cando sonan os vosos aplausos como recoñecemento o remate da función. ¿Loucura? Pois unha pouca si.

25 oct 2009

A NOSA HISTORIA

Fundado en 1980 baixo o nome de “Sociedad Teatral O Trasno” por un grupo de mozos e mozas da parroquia de Comesaña en Vigo. Estivo funcionando dentro da súa escaseza de medios técnicos, económicos e formativos propios daquel momento, e aínda así chegou a actuar no emblemático teatro García Barbón coa obra “O pauto de San Formoso do Monte”.

Logo dun breve tempo inactivo fíxose cargo do mesmo Xaime Costas, quen xunto con integrantes do teatro escolar que dirixía e algúns dos fundadores do grupo, inician unha nova etapa que en 1988 coincide co cambio da denominación do Grupo á actual: “O TRASNO Novo Teatro”.

Na súa nova andadura, O TRASNO Novo Teatro, formou parte dos grupos fundadores da FEGATEA constituída no ano 2000. Así mesmo nos anos 2007, 2008 e 2009 organizou, respectivamente, o "I, II e III Encontro Teatral S. Andrés de Comesaña” cunha ampla acollida e a participación de grupos locais e do resto de Galicia.

O longo destes anos producíronse, entre outros, os seguintes espectáculos:

"D2N2,3" (De dous en dous, tres) (2006 - en cartel) Trátase dunha estraña mestura baseada en textos de varios autores: Kafka, M.Kundera, J.Carrigan, J.P.Sartre e outros, dando base a tres diálogos.

“De dous en dous, TRES” tanto que se vexan os devanditos diálogos por separado como no seu conxunto, as situacións presentadas que a primeira vista poderían parecer imaxinarias, quizais non o sexan tanto e será o público quen o teña que descubrir.

Foi seleccionada para participar no IV Festival Agustín Magán (Santiago de Compostela), IV Festival de Teatro Afeccionado Concello de Sada (onde acadou o premio a Mellor Actriz), etc.

Elenco: Ana, Lucía, Miguel, Sefi e Xaime
Luces e Son: Miguel
Maquillaxe: Mª Xosé e Miriam
Dirección: O TRASNO Novo Teatro

“Vixía” (2003-2006) Creación propia partindo de textos de diversos autores. A trama ten lugar nun extrano hospicio de anciáns onde unha peculiar personaxe (a Vixía) marca o ritmo das súas vidas. Esta obra participou, entre outros, no IV Encontro Estatal de Teatro Afeccionado (Narón-A Coruña), II Festival Agustín Magán (Compostela) e II Semán de Teatro Afeccionado de Vigo.

“...muller¿que?” (2004-2005) Neste caso enfrontámonos por primeira vez cun monólogo partindo dun fragmento da obra de Sergi Belbel “Morir”.

“Aldea Mangala” (2001) creación realizada para o Día das Letras Galegas e que se foi ampliando e variando o longo de varios anos.

“O incerto señor don Hamlet príncipe de Dinamarca” (2001) Adaptación dun fragmento da mencionada obra de Álvaro Cunqueiro.

“Foreber” (2000-2002) Partindo do texto de Raúl Dans, novamente creouse un espectáculo o noso estilo. Participou no III Festival Español de Teatro Amateur (Zamora) co texto en galego e n0 I Festival Agustín Magán (Santiago).

“Unha muller , unha historia” (1998-2000) Adaptación do monólogo de Gabriel García Marquez “Diatriba de amor contra un hombre sentado” o cal convertemos nun espectáculo onde se representa a historia que alí se narra.

“Maresol” (1998-1999) o primeiro espectáculo específico para representar na praia, de corte mitolóxico e alta expresividade corporal. Entre outros lugares representouse na illa de Arousa e Malpica de Bergantiños.

“Vacacións para sempre” (1996-2005) espectáculo infantil de sombras chinesas e actores en vivo que tivo unha longa vida.

“Grito de Esperança” (1995-1998) Obra en portugués partindo do texto de Daniel Filipe, complementado con textos de outros autores, representada nos mais singulares espazos escénicos: cárcere de Vigo, pubs, cafés-teatro e ...

“Vinganza ou Xustiza” (1993-1995) Adaptación por primeira vez en Galicia de “A Orestiada” de Esquilo, un traballo realizado polo propio Grupo, transformando as mais de seis horas da obra orixinal en dúas horas e media, sen que perdera a esencia do texto clásico.

“¿Home!” (1988-1992) A primeira obra creada por O TRASNO Novo Teatro que o longo de catro anos represéntase por toda Galicia. Participa na I Mostra de Teatro Galego-Portugués en A Coruña.

Isto non quita que paralelamente houbese outras actividades complementarias:

No ano 2000 co gallo da conmemoración dos 20 anos de teatro, O TRASNO Novo Teatro, levouse adiante unha selección de fragmentos das obras encabezada por un espectáculo de animación “Benvidos ó teatro”.O mesmo tempo a conmemoración do Día das Letras Galegas deu lugar a diversos espectáculos, subliñando “Figuras” (1997) espectáculo de animación para todo tipo de público, “A Estatua” (1999) espectáculo ecolóxico-pedagóxico de animación infantil, e no 2002 espectáculo conxunto con dous grupos de pandereteiras.

Tamén se tomou a iniciativa para a montaxe durante varios anos das Comparsas de Entroido da Sociedade Veciñal Cultural e Deportiva Nautilius, na cal o Grupo integrárase como primeira actividade cultural no ano 1986, acadándose un premio no ano 1999 co “Soldadiño de chumbo”.

Formación:

Os integrantes do Grupo, no seu constante afán de mellora, participan en accións formativas varias, destacando as seguintes:

- Xornadas de Teatro Afeccionado -Compostela
- Xornadas do Consello da Cultura Galega
- Curso de Técnica Vocal
- Mónica de Nut
- Creación da personaxe
- Técnicas de iluminación (Salvador del Río)
- Gabriel Molina (Cafiolos)
- Cursos Maquillaxe
- Spencer FX e Paspallás
- Curso Técnica de Teatro
- Eduardo Alonso
- Foniatría
- Pablo Rodríguez
- Universidade de Vigo
- Convivencia experimental
- Rena Mirewzka do “Grotowsti”
- Obradoiro de teatro
- Iroshi Arai
- Cuba

6 oct 2009

Como despedida: Dobre Sesión

Se o espectáculo anterior era para adultos, o do sábado é absolutamente para Todos e Todas. A "Escola de Teatro Falcatrueiros" de Monterroso ofreceranos dúas obras, "A verdadeira historia da carrapuchiña vermella" e "O Retabriño", teatro en familia feito por rapazas e rapaces que fan desta arte o seu medio de expresión.

O domingo para pechar este "3º Encontro" teatral actuaremos nós, "O Trasno Novo Teatro", organizador do mesmo, teremos a satisfacción de ofrecer "Conversas na cuneta mentres a vida pasa alá fóra" para o noso público máis esixente e fiel.

Obra seleccionada para participar en diversos certames de teatro e gañadora do “XII Certamen de Teatro Don Bosco de Coruña”.


Acudide todas e todos a este fin de festa a compartir a ilusión polo TEATRO.


Ás 20:00 horas no Salón de Actos da SVCD Nautilius
Rúa Sanín Nº 54 S. Andrés de Comesaña – Vigo

28 sept 2009

3ª Xornada. Chega a Comedia

Seguimos a ter unha boa acollida do público e un alto nivel nas obras representadas. Estamos no ecuador do "3º Encontro Teatral S. Andrés de Comesaña" e chegan as gargalladas da man do representante da provincia de Ourense.

"Tiruleque" de O Carballiño ofrécenos "Club PK2". Din no seu programa que se trata dunha comedia de crimes e sexo, non exenta de denuncia social, e indican así mesmo, que é un espectáculo para adultos ou menores acompañados.

Sábado 3 de Outubro ás 20:00 horas no Salón de Actos da SVCD Nautilius.

Rúa Sanín Nº 54 (S. Andrés de Comesaña – Vigo)

22 sept 2009

2ª Xornada.Teatro vangardista

Xa estamos en marcha.

Despois de gozar co bo facer dos actores e actrices de Fontevella, e da satisfacción de ver a gran resposta do público, toca cambiar radicalmente de estilo. O próximo sábado imos ter con nós a “Carfax Teatro” de Culleredo coa obra “O cuarto do príncipe”, unha obra de teatro-danza, cunha posta en escena vangardista e transgresora que non deixará a ninguén indiferente.


Este grupo coruñés leva máis de catro anos representando este espectáculo por todos os pobos e festivais de Galicia, non perdades a oportunidade de velos no "3º Encontro Teatral" de Comesaña.


Sábado 26 de Setembro ás 20:00 horas na Sociedade Nautilius, rúa Sanín Nº 54 Comesaña-Vigo. Entrada Gratuíta.

18 sept 2009

Inauguración do 3º Encontro Teatral

Inicia o Encontro de Comesaña o grupo "Teatro Fontevella", de O Porriño. Colectivo de persoas maiores, ¡algunhas moi maiores!, que dende hai anos veñen facendo do teatro o seu lecer con ilusión e entrega. Presentarán a obra "Pra que viría eu ao médico...! ...nin sempre é anécdota."

Sábado 19 de setembro ás 20 horas, entrada gratuita.

Nos locais da Sociedade Nautilius, rúa Sanín Nº 54 Comesaña-Vigo.

7 sept 2009

3º Encontro Teatral San Andrés de Comesaña



Entre os meses de Setembro e Outubro organizamos, nos locais da SVCD Nautilius na rúa Sanín Nº 54 (S. Andrés de Comesaña-Vigo), o "3º Encontro Teatral S. Andrés de Comesaña ", sendo as representacións as 20 horas.


Día 19/09: Teatro Fontevella (O Porriño) "Pra que viría eu ao médico...! ...nin sempre é anécdota".


Día 26/09: Teatro de Cámara Ditea (Santiago) "Acto imprevisto".


Día 03/10: Tiruleque (O Carballiño) "Club PK2".


Día 10/10: Escola de Teatro Falcatrueiros (Monterroso) "A verdadeira historia da carrapuchiña vermella" e “O Retrabriño”.


Día 11/10: O Trasno Novo Teatro (Vigo) "Conversas na cuneta mentres a vida pasa alá fóra".


Neste 3º Encontro optamos por traer un grupo de cada provincia galega, con propostas variadas que van dende a comedia, o teatro infantil, o drama.... Desexamos que teña tan boa acollida como os dous anos anteriores e disfrutemos todos e todas co TEATRO.

28 jul 2009

Preparando o 3º Encontro de Teatro de S. Andrés de Comesaña


Nestas datas estivais en que temos menos actuacións, e nas que os membros do grupo aproveitamos para gozar dunhas cortas e merecidas vacacións, O Trasno segue a facer teatro.

Estamos a preparar o "3º Encontro de Teatro de S. Andrés de Comesaña", que celebraremos en setembro e outubro, onde imos contar coa participación dun grupo de cada provincia galega, ademais da estrea da nosa obra "Conversas na cuneta ..." diante do noso público, despois da boa acollida que tivo en Coruña, Lugo, Priegue, Freixo, etc...

A finais de agosto publicaremos o programa completo.

Bo verán a todos e todas.

Teatrais saúdos,

22 jun 2009

Catro premios para “Conversas na cuneta mentres a vida pasa alá fóra”

"O Trasno Novo Teatro" obtivo 4 premios no XII Certamen de Teatro Don Bosco da Coruña na categoría de Teatro Afeccionado, polo espectáculo “Conversas na cuneta mentres a vida pasa alá fóra”

O sábado 20 de xuño na clausura do Certamen recibimos os premios:

Primeiro Premio na categoría de Teatro Afeccionado.

Premio á Mellor actriz: Sefi Romero.

Premios ás actrices máis destacadas na súa categoría: Mª Xosé González y Lucía G. Carballás.

Gracias a todas as persoas do certame polo exquisito trato recibido, en especial aos membros do xurado que valoraron positivamente o noso traballo e principalmente a Francisco Cousido pola súa dedicación a potenciar o mundo do Teatro Escolar e Afeccionado.

Adicamos estes premios a todas as mulleres que, como as nosas protagonistas, loitan por saír adiante na adversidade.

1 jun 2009

E agora A Coruña

O vindeiro sábado 6 de xuño ás 18:00 horas, representamos "Conversas na cuneta mentres a vida pasa alá fóra" na Coruña, dentro do XII Certamen de Teatro Escolar e Afeccionado que organiza o grupo "Candilejas Don Bosco", no salón de actos do Centro Calvo Sotelo (Rúa Archer Milton Huntington nº 24).

Facía varios anos que O Trasno non actuaba na Coruña e temos moita ilusión e moitas ganas de presentar o noso último traballo, que esperamos teña unha boa acollida en liña coas últimas representacións na nosa provincia.

Invitámosvos a todos e todas a que se podedes, veñades disfrutar con nós da nosa obra e prometemos que non vos vai deixar indiferentes.

Contamos con vós.

2 may 2009

Despedimos Abril

O mes de Abril deixounos dous momentos para a memoria dos Trasnos:
  • O Festival do Minho en A Guarda, onde quedamos encantados coa cálida acollida do público á nosa obra. Queremos agradecer especialmente a Marisa e a Pilar a súa cercanía e disposición que fixeron moi fácil o noso traballo. Xa estamos desexando volver.

  • A actuación no multiusos de Redondela, espazo escénico que tiñamos pisado dúcias de veces como espectadores e no que, grazas a aposta pola nosa obra da Concellalía de Igualdade, puidemos mostrar o noso espéctaculo. Tamén mandamos un saúdo especial ao Colectivo Republicano de Redondela e ao seu presidente que con emoción nos felicitou ao remate da función.
Neste mes de maio volveremos representar "D2N2 3" e comenzamos preparar o "3º Ciclo de Teatro Afeccionado de S. Andrés de Comesaña" que se vai celebrar en setembro-outubro, e que esperamos teña a mesma gran acollida que nas dúas edicións anteriores.

25 mar 2009

27 de Marzo “Día Mundial do Teatro”

O Día Mundial do Teatro celébrase o 27 de Marzo dende 1961, unha iniciativa do Instituto Internacional do Teatro , organismo dependente da UNESCO.
Con este motivo organízanse numerosas manifestacións teatrais en todo o mundo que intentan proporcionar algo máis de vitalidade a este xénero esquecido por moitos.
Dende O Trasno Novo Teatro vos animamos a celebrar esta data. Acudide ao teatro, ao café, ás rúas, alí onde actrices e actores vos fagan SENTIR a maxia da nosa arte, esa transmisión de sentimentos entre o real e o ficticio, entre personaxes e público.
Unha das actividades máis emblemáticas nesta data é a difusión da mensaxe redactada por unha personalidade de dimensión mundial, invitada polo Instituto Internacional do Teatro, para compartir as súas reflexións sobre os temas do teatro e a paz entre os pobos. Esta mensaxe lese, este día, na maioría dos teatros de todo o mundo.
Como cada ano, a estatua dedicada a Don Ramón María del Valle-Inclán, situada no Paseo de Recoletos de Madrid, lucirá a súa clásica bufanda branca e, pola noite faise o recorrido polos lugares que visito Max Estrella, protagonista de Luces de Bohemia, obra cá que don Ramón inaugurou o xénero do esperpento, mestura de traxedia, sátira e humor.
Este ano 2009, a tradicional mensaxe foi encargada ao dramaturgo, escritor e director de teatro brasileiro Augusto Boal.
Augusto Boal, foi quen desenvolveu o “Teatro do Oprimido”, método e formulación teórica dun teatro democrático, do pobo.
O pasado 2008, Augusto Boal, foi Candidato ao Premio Nobel da Paz. Exiliado en Estados Unidos en 1953, para volver a Brasil dous anos despois onde asume a dirección artística do Teatro de Area de Sãou Paulo.
Esta é a súa mensaxe:

Mensaxe do Día Mundial do Teatro 2009

Todas as sociedades humanas son espectaculares na súa vida cotiá e producen espectáculos en momentos especiais. Son espectaculares como forma de organización social e producen espectáculos como este que vostedes viñeron a ver.
Aínda que inconscientemente, as relacións humanas estructúranse de forma teatral: o uso do espacio, a linguaxe do corpo, a elección das palabras e a modulación das voces, a confrontación de ideas e paixóns, todo o que facemos no escenario facémolo sempre nas nosas vidas: ¡nós somos teatro!.
Non só as vodas e os funerais son espectáculos, tamén os rituais cotiáns que, pola súa familiaridade, non nos chegan á consciencia. Non só pompas, senón tamén o café da mañá e os bos días, os tímidos namoramentos, os grandes conflictos pasionais, unha sesión do Senado ou unha reunión diplomática; todo é teatro.Unha das principais funcións da nosa arte é facer conscientes eses espectáculos da vida diaria onde os actores son os propios espectadores e o escenario é a platea e a platea, escenario. Somos todos artistas: facendo teatro, aprendemos a ver aquilo que resalta aos ollos, pero que somos incapaces de ver ao estar tan habituados a miralo. O que nos é familiar convértese en invisible: facer teatro, ao contrario, ilumina o escenario da nosa vida cotiá.
En setembro do ano pasado fomos sorprendidos por unha revelación teatral: nós pensabamos que viviamos nun mundo seguro, a pesar das guerras, xenocidios, hecatombes e torturas que estaban acaecendo, si, pero lonxe de nós, en países distantes e salvaxes. Nós que viviamos seguros co noso diñeiro gardado nun banco respectable ou nas mans dun honesto corredor de Bolsa, fomos informados de que ese diñeiro non existía, era virtual, fea ficción dalgúns economistas que non eran ficción, nin eran seguros, nin respectables. Non pasaba de ser mal teatro con triste enredo, onde poucos gañaban moito e moitos perdían todo. Políticos dos países ricos encerrábanse en reunións secretas e de aí saían con solucións máxicas. Nós, as víctimas das súas decisións, continuabamos de espectadores sentados na última fila das bancadas.
Vinte anos atrás, eu dirixín “Fedra” de Racine, en Río de Xaneiro. O escenario era pobre: no chan, peles de vaca, ao redor, bambús. Antes de comezar o espectáculo, dicíalles aos meus actores: “Agora acaba a ficción que facemos no día a día. Cando crucemos eses bambús, alá no escenario, ningún de vós ten o dereito de mentir. O Teatro é a Verdade Escondida.” Vendo o mundo, ademais das aparencias, vemos a opresores e oprimidos en todas as sociedades, etnias, xéneros, clases e castes, vemos o mundo inxusto e cruel.
Temos a obrigación de inventar outro mundo porque sabemos que outro mundo é posible. Pero nos incumbe a nós o construílo coas nosas mans entrando en escena, no escenario e na vida.
Asistan ao espectáculo que vai comezar; despois, nas súas casas cos seus amigos, fagan as súas obras vostedes mesmos e vexan o que xamais puideron ver: aquilo que salta aos nosos ollos. O teatro non pode ser soamente un evento, ¡é forma de vida!
Actores somos todos nós, o cidadán non é aquel que vive en sociedade: ¡é aquel que a transforma!.

Augusto Boal

21 feb 2009

Novas Trasnadas no 2009

A nosa intención durante este ano 2009 é promocionar a nosa nova obra "Conversas na cuneta mentres a vida pasa alá fóra" sen deixar de representar "D2N2, 3" sempre que teñamos ocasión.

O pasado día 13 tivemos o pracer de representar "Conversas na cuneta..." como clausura dun acto dedicado a mulleres no Museo Verbum de Vigo. A inmellorable acollida que este público, maioritariamente feminino, deu á nosa obra, que trata precisamente da situación das mulleres na posguerra, nos enche de satisfacción e ánimos para seguir adiante e buscar novas actuacións.

O próximo 7 de marzo volveremos representala, esta vez no Centro Cultural de Freixo en Vigo.

No Trasno tamén dedicamos parte do noso tempo aos máis cativos, por iso estivemos preparando un espectáculo para o público familiar titulado "O caso do canciño desaparecido", que puxemos en escena o martes de Entroido 24 de febreiro ás 17 horas na Sociedade Cultural Nautilius de San Andrés de Comesaña en Vigo. Trátase dun espectáculo interactivo no que os rapaces e rapazas pasarán de ser espectadores, a ser parte da propia representación integrándose no desenvolvemento da mesma.

Tamén queremos agradecer a todas as persoas que deixades comentarios e seguides o noso blog as vosas opinións, ánimos e parabéns que nos dedicades. Para nós é moi alentador saber que alguén valora o noso esforzo por levar o TEATRO alí onde non van nin irán as grandes compañías.

Por último pedirvos que, se sabedes de algún Concello que vai organizar Mostras ou Festivais de teatro afeccionado, nolo digades para poder participar. O que máis nos "pon" aos grupos de teatro afeccionado é actuar, poder mostrar o noso traballo a quen sexa e onde sexa.

Bicos e Apertas do Trasno Novo Teatro.