O TRASNO Novo Teatro

O TRASNO Novo Teatro
untitled

Integrantes do Grupo
Antía, Raúl, Miriam, Irene, Miguel, Ana, Xaime
Lucía, Sefi, Mª Xosé

"Conversas na cuneta mentres a vida pasa alá fóra"

Creación do propio grupo, baseada en relatos de diversos autores e na amplia información saída a luz co gallo da chamada "Recuperación da memoria histórica".


26 ago. 2010

E XA SON CATRO !!!!

O que comezou como un “experimento”, unha proba, a ilusión de que os pobos e barrios, e non só as grandes urbes, poden ter ao seu alcance espectáculos teatrais de diversos estilos e de calidade, semella que comeza a consolidarse.


O Trasno iniciou esta andaina como organizador con non poucos atrancos, dificultades, escaseza de medios e de apoios, pero grazas ao esforzo de todos/as os/as integrantes e o convencemento de que alguén ten que dar sempre un primeiro paso, o 1º Encontro Teatral saíu adiante en 2007.


Moitos foron os sorprendidos pola boa acollida e o éxito de público, a verdade é que nós tamén. Pero a verdadeira sorpresa ocorreu pasados uns meses, cando a xente de Comesaña, os compañeiros/as de traballo, as amizades, comezaron a facer preguntas insólitas: ¿Que grupos veñen este ano?, ¿Traedes algunha comedia?, ¿Tedes obra infantil?, ¿Vai ser tamén en setembro?... e resultou que esta vez as preguntas foron máis importantes que as respostas; é por iso que chegaron o 2º e 3º Encontros.


Pois ben, hoxe temos o inmenso pracer de presentarvos a programación do “4º Encontro Teatral S. Andrés de Comesaña”.


O noso propósito segue sendo o mesmo, achegar toda a diversidade teatral posible ao público de Comesaña, Vigo e resto do mundo. Ao mesmo tempo, tamén procuramos intercambiar experiencias, maneiras e conceptos cos heteroxéneos grupos que nos visitan, ofrecéndolles un trato persoal, tentando atender as súas necesidades e resolvendo con eles as dificultades que supón, nalgúns casos, adaptarse ao limitado espazo do salón de Comesaña.


Temos que agradecer un ano máis á Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA) a súa imprescindible colaboración para conseguir a subvención económica para pagar aos grupos. Tamén á Sociedade Nautilius e a Elisa, a súa presidenta, que nos deu todas as facilidades para utilizar o Salón de Actos, ademais de encargarse dos agasallos aos grupos participantes, incluíndo os gastronómicos ao remate da función, tan apreciados por actores e actrices.


O día 4 de setembro levántase o pano cunha obra dirixida ao público infantil, seguirá un drama que nos dará unha visión retrospectiva da sociedade contemporánea local e remataremos con dúas hilarantes comedias, tan distintas entre si que semella imposible que pertenzan ao mesmo xénero. Tamén teremos unha exposición conmemorativa do X aniversario da FEGATEA.

Iremos informándovos.



Benvidos e benvidas ao Teatro

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Pois despois de que remate este a preparar o V.

Saudiños

Xoglar

Meiguiña dijo...

Os meus parabéns por este "4º Encontro Teatral S. Andrés de Comesaña".

Resulta grato observar como ese experimento, esa ilusión nada con poucos recursos, escaseza de medios e apoios vai consolidándose despois de 4 anos e de novo achega ao público vigués diversas e distintas obras de bo teatro.

Que se abra o pano!

Até sempre Trasnos e moita merda.