O TRASNO Novo Teatro

O TRASNO Novo Teatro
untitled

Integrantes do Grupo
Antía, Raúl, Miriam, Irene, Miguel, Ana, Xaime
Lucía, Sefi, Mª Xosé

"Conversas na cuneta mentres a vida pasa alá fóra"

Creación do propio grupo, baseada en relatos de diversos autores e na amplia información saída a luz co gallo da chamada "Recuperación da memoria histórica".


27 sept 2010

4º Encontro Teatral en fotos.

4º Encontro Teatral S. Andrés de Comesaña.

Xa botamos o peche á cuarta edición do Encontro Teatral San Andrés de Comesaña. Dende O Trasno queremos agadecer ás catro compañias participantes o bo traballo ofrecido nas táboas de Comesaña, á Sociedade Nautilius pola súa imprescindible colaboración e, por suposto, ao público que nos acompañou nestes catro sábados disfrutando, iso esperamos, da variedade de estilos teatrais deste 4º Encontro, que foi do espectáculo infantil pasando polo drama ata chegar á comedia.

Agora tócanos a nós coller o carromato e facer novos camiños.

A próxima fin de semana convidamos a todos/as os/as nosos/as amigos/as do norte de Galiza ás actuacións que faremos nos ciclos de Culleredo e Narón.

Teatrais saúdos.

23 sept 2010

Acto final !!

Despois do éxito de Ditea o pasado sábado chegamos á clausura do 4º Encontro Teatral San Andrés de Comesaña.

Para baixar o pano nesta edición vos ofrecemos un espectáculo teatral de alta escola. Non é estraño que Carrachanacacha teña recibido diversos premios por esta obra, o seu ritmo trepidante, a mordaz e irónica crítica ós “valores” da nosa sociedade, o seu humor ácido que conecta ó instante có espectador e lle arrinca sorrisos cómplices con personaxes e situacións, a súa coidada interpretación non defraudará a ninguén.

En fin non a podedes perder.

“Comendo pimentos de Padrom com Tarantino"

é a história dumha criatura que quere ser cantante...

é a história da sua nai, farta de coidar porcos, e do seu pasado...

é a história dum pianista no horizonte...

escrita e dirixida por Leandro Lamas.

15 sept 2010

Teatro de Cámara Ditea: 50 anos de amor polo teatro

Nesta 3ª xornada do noso Encontro Teatral temos o pracer de recibir os nosos amigos de Ditea (Santiago). Presentan unha entrañable e entretida comedia que eles definen así:

“A poucos días de calquera estrea en calquera teatro, reina o desorde: teares caídos, cables por todos lados, etc., etc. E é aquí onde dúas limpadoras irrompen no escenario; dúas mulleres que, inmersas no trasfego cotiá e alleas a todo este enredo faranduleiro van, inconscientemente, deixándose levar por unha sensación de liberación que lles produce o “espazo de ficción” e, pouco a pouco, amosan as súas paixóns afogadas, tecéndose así unha trama na que, a través das súas tráxicas vivenzas - producto do condenado destino- recoñecemos un mundo moi próximo e, paradoxalmente, cómico.

Dous seres traxicómicos que, por un casual, permítense o luxo de soñar un acto efémero e imprevisto.

“Acto imprevisto” é un espectáculo que reflicte a realidade cotiá, unha realidade latente en cada esquina, que a través do humor, intenta aproximarse ao público cun sabor agridoce.”

Vémonos ó sábado no teatro.

3 sept 2010

XA ESTAN EIQUÍ !!!!!

Inda ben non remataron os foguetes que anuncian o comezo das festas de Comesaña (Vigo), e xusto ao remate das actuacións dos grupos de baile, a pouco máis de douscentos metros:

"MARAÑAO, ASOCIACIÓN DE TEATRO" de Ourense están listos para poñer enriba do escenario da S.C. Nautilius o espectáculo que inicia o 4º Encontro Teatral.

RECICLOWN

Mañá sábado 4 de setembro ás 21 horas.

É unha obra especialmente dirixida ao público infantil pero que divertirá a todos e todas, ben estean na festa ou veñan de lonxe, ou de aí ao lado ou de máis lonxe aínda, pero que veñan, iso é o que importa pois a festa do teatro comeza en Comesaña e continuará os sábados sucesivos durante todo o mes.

...... para a semana máis !!!