
O TRASNO Novo Teatro
Integrantes do Grupo
Antía, Raúl, Miriam, Irene, Miguel, Ana, Xaime
Lucía, Sefi, Mª Xosé
"Conversas na cuneta mentres a vida pasa alá fóra"
21 nov 2010
Fin de Festa co X Aniversario da FEGATEA

26 oct 2010
CELEBRACIÓN E FOTOS DE TRES DÉCADAS.

Deixámosvos dous enlaces. Un que vos levará a un percorrido en fotos pola nosa historia e outro para que vos fagades unha idea do espectáculo da celebración dos nosos 30 anos.
![]() |
1980-2010: A nosa historia en fotografías. |
Tamén queremos agradecer unha vez máis a imprescindible e desinteresada participación da Sociedade Cultural Nautilius (Coral e Grupo de Gaitas), de Carlos Castro, Bea Riobó e Avelino González. As súas actuacións deron o toque de calidade a este acto tan entrañable para nós.
![]() |
Celebración dos 30 anos de O TRASNO Novo Teatro. |
Por último expresar o noso orgullo de pertencer a "O Trasno", este grupo que non é só noso senón tamén de cada un dos 61 compoñentes que pasaron polas súas filas nestas tres décadas. O mellor deste acto foi o momento en que todos os ex-Trasnos presentes no Auditorio subiron con nós ao escenario.
Grazas a todos e todas.
12 oct 2010
30 ANOS DE TEATRO: 1980 a 2010.
En outubro deste ano 2010 "O Trasno" cumprimos trinta anos de funcionamento ininterrompido; neste longo período pasaron máis de 60 actores e actrices polo grupo, sendo canteira para grupos profesionais da comarca, para as series televisivas, etc.


Estivo funcionando dentro da súa escaseza de medios técnicos, económicos e formativos propios daquel momento, e aínda así chegou a actuar no emblemático Teatro García Barbón coa obra “O pauto de San Formoso do Monte”.

27 sept 2010
4º Encontro Teatral en fotos.
4º Encontro Teatral S. Andrés de Comesaña. |
Xa botamos o peche á cuarta edición do Encontro Teatral San Andrés de Comesaña. Dende O Trasno queremos agadecer ás catro compañias participantes o bo traballo ofrecido nas táboas de Comesaña, á Sociedade Nautilius pola súa imprescindible colaboración e, por suposto, ao público que nos acompañou nestes catro sábados disfrutando, iso esperamos, da variedade de estilos teatrais deste 4º Encontro, que foi do espectáculo infantil pasando polo drama ata chegar á comedia.
Agora tócanos a nós coller o carromato e facer novos camiños.
A próxima fin de semana convidamos a todos/as os/as nosos/as amigos/as do norte de Galiza ás actuacións que faremos nos ciclos de Culleredo e Narón.
Teatrais saúdos.
23 sept 2010
Acto final !!

é a história dumha criatura que quere ser cantante...
15 sept 2010
Teatro de Cámara Ditea: 50 anos de amor polo teatro
.jpg)
Dous seres traxicómicos que, por un casual, permítense o luxo de soñar un acto efémero e imprevisto.
“Acto imprevisto” é un espectáculo que reflicte a realidade cotiá, unha realidade latente en cada esquina, que a través do humor, intenta aproximarse ao público cun sabor agridoce.”
Vémonos ó sábado no teatro.
3 sept 2010
XA ESTAN EIQUÍ !!!!!

"MARAÑAO, ASOCIACIÓN DE TEATRO" de Ourense están listos para poñer enriba do escenario da S.C. Nautilius o espectáculo que inicia o 4º Encontro Teatral.
RECICLOWN
Mañá sábado 4 de setembro ás 21 horas.
...... para a semana máis !!!
26 ago 2010
E XA SON CATRO !!!!
O Trasno iniciou esta andaina como organizador con non poucos atrancos, dificultades, escaseza de medios e de apoios, pero grazas ao esforzo de todos/as os/as integrantes e o convencemento de que alguén ten que dar sempre un primeiro paso, o 1º Encontro Teatral saíu adiante en 2007.
Moitos foron os sorprendidos pola boa acollida e o éxito de público, a verdade é que nós tamén. Pero a verdadeira sorpresa ocorreu pasados uns meses, cando a xente de Comesaña, os compañeiros/as de traballo, as amizades, comezaron a facer preguntas insólitas: ¿Que grupos veñen este ano?, ¿Traedes algunha comedia?, ¿Tedes obra infantil?, ¿Vai ser tamén en setembro?... e resultou que esta vez as preguntas foron máis importantes que as respostas; é por iso que chegaron o 2º e 3º Encontros.
Pois ben, hoxe temos o inmenso pracer de presentarvos a programación do “4º Encontro Teatral S. Andrés de Comesaña”.

O noso propósito segue sendo o mesmo, achegar toda a diversidade teatral posible ao público de Comesaña, Vigo e resto do mundo. Ao mesmo tempo, tamén procuramos intercambiar experiencias, maneiras e conceptos cos heteroxéneos grupos que nos visitan, ofrecéndolles un trato persoal, tentando atender as súas necesidades e resolvendo con eles as dificultades que supón, nalgúns casos, adaptarse ao limitado espazo do salón de Comesaña.
Temos que agradecer un ano máis á Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA) a súa imprescindible colaboración para conseguir a subvención económica para pagar aos grupos. Tamén á Sociedade Nautilius e a Elisa, a súa presidenta, que nos deu todas as facilidades para utilizar o Salón de Actos, ademais de encargarse dos agasallos aos grupos participantes, incluíndo os gastronómicos ao remate da función, tan apreciados por actores e actrices.
O día 4 de setembro levántase o pano cunha obra dirixida ao público infantil, seguirá un drama que nos dará unha visión retrospectiva da sociedade contemporánea local e remataremos con dúas hilarantes comedias, tan distintas entre si que semella imposible que pertenzan ao mesmo xénero. Tamén teremos unha exposición conmemorativa do X aniversario da FEGATEA.
Iremos informándovos.
Benvidos e benvidas ao Teatro
4 jun 2010
2010: despois de anos de esforzo semella que chega a colleita.
Pois si, moitas das loitas mantidas dende sempre polos do “teatro afeccionado” parecen estar a dar, non sen tempo, resultados positivos:
Este ano celebramos o X aniversario da nosa federación, a FEGATEA, despois de varios intentos falidos para agrupar os grupos de teatro afeccionado de Galicia poucos confiaban no seu futuro. Nembargantes vai facer dez anos, aumentando mes a mes o número de asociados, cun Festival anual (O Agustín Magán) consolidado e que mostra os mellores espectáculos do ano e, o mais importante, cun acordo coa Xunta, dende hai catro anos, para a celebración de ciclos teatrais por toda a xeografía galega.
2010 tamén é testemuña da inclusión, por primeira vez, dos grupos de teatro afeccionado no “Vigo a Escena”, circuíto teatral do noso concello vedado ata o de agora para nós. O Trasno xunto con outros grupos de Vigo vemos así cumprida unha antiga e insistentemente demandada aspiración.
Por último e seguramente mais transcendente para os Trasnos, cumprimos 30 anos de teatro ininterrompido e xa estamos preparando un acto de celebración que, se todo vai ben, celebraremos en outubro, despois de organizar por 4º ano consecutivo o Encontro Teatral de Comesaña en setembro, con grupos de varios puntos de Galicia.
Ademais de todos estes acontecementos seguimos cás nosas actuacións, este sábado en Coruña, repetimos no XII Certamen de Teatro Escolar e Afeccionado (Colexio Calvo Sotelo) onde tan ben tratados fomos o ano pasado.
Un saúdo a todos e todas por estar aí, tentaremos mantervos informados/as das nosas trasnadas.
26 mar 2010
27 de marzo: Día Mundial do Teatro

O Día Mundial do Teatro é unha oportunidade para celebrar o Teatro dunha miríade de formas. O Teatro é unha fonte de entretemento e inspiración, e ten a habilidade de unificar as diversas culturas e ás xentes de todo o mundo. Pero o teatro é moito máis ca eso e tamén brinda oportunidades para educar e informar.
O Teatro representase en todo o mundo e non sempre nos escenarios tradicionais. As representacións poden suceder nun pequeno pobo de África, nunha montaña en Armenia ou nunha pequena illa do Pacífico. Todo o que precisa é un lugar e un público. O Teatro ten a habilidade de facernos sorrir, de facernos chorar, pero tamén debería facernos pensar e reflexionar.
O Teatro xurde a partires do traballo en grupo. Os actores son as persoas que se ven, pero hai un gran número de persoas ás que non se ve. Son tan importantes coma os actores e as súas variadas e especializadas habilidades fan que unha producción sexa posible. Tamén deberían compartir os triunfos e os éxitos que podan ocorrer.
O 27 de marzo é oficialmente o Día Mundial do Teatro. Por moitos motivos todos os días deberían ser considerados días do teatro, porque temos a responsabilidade de continuar a tradición de entreter, de educar e de iluminar as nosas audiencias, sen as cales non existiriamos.
21 ene 2010
Os Trasnos en Santiago e Herrera (Sevilla).

Pero hoxe toca pechar 2009.
O pano caeu despois dun desenlace brillante. Decembro de 2009 xa está na nosa historia: Volvemos ser seleccionados por 4ª vez para o Festival Agustín Magán (Santiago) e representamos "Conversas na cuneta mentres a vida pasa alá fóra" no XII Festival Martín Arjona (Herrera-Sevilla), por primeira vez fóra de Galicia e en español.
O do Agustín Magán nos enche de satisfacción, é inmensamente gratificante que os/as compañeiros/as da nosa Federación Galega de Teatro Afeccionado nos escollan para que mostremos o noso espectáculo no seu festival anual, e ademais no Teatro Principal de Santiago, cargado de historia e nomes do TEATRO en maiúsculas.
Ir a Herrera foi toda unha experiencia. Canto nos lembramos dos titiriteiros, de pobo en pobo de vila en vila. Que dura tiña que ser esa viaxe permanente na procura dos aplausos, do sustento, das loanzas, soñando co éxito, ca praza chea de merda de centos de cabalos que trouxeran os seus amos dende lonxe para ver o espectáculo.
Pois a verdade nos non somos tan sacrificados, despois das nove horas de furgoneta fixemos turismo en Sevilla, ou sexa volta o redor da Giralda e despois viños e cañas e comer e mais cañas e rir a gargalladas, iso si coma bos galegos levamos con nos a chuvia, vaia diluvio.
En Herrera facía moito frío e as rúas estaban valeiras, a pesar diso a xente acudiu a función, os nervios das actrices eran evidentes, temíamos a posible confusión entre español e galego, que ó estar pendentes do idioma a obra perdera forza e ritmo, que non se entendera a historia e a mensaxe que queremos transmitir, de todo.
O remate o público aplaudía posto en pé e todo mereceu a pena.
![]() |
Festivales Agustín Magán (Santiago) y Martín Arjona (Herrera - Sevilla). |
Unhas poucas fotos do noso paso polos Festivais.