O TRASNO Novo Teatro

O TRASNO Novo Teatro
untitled

Integrantes do Grupo
Antía, Raúl, Miriam, Irene, Miguel, Ana, Xaime
Lucía, Sefi, Mª Xosé

"Conversas na cuneta mentres a vida pasa alá fóra"

Creación do propio grupo, baseada en relatos de diversos autores e na amplia información saída a luz co gallo da chamada "Recuperación da memoria histórica".


26 oct 2010

CELEBRACIÓN E FOTOS DE TRES DÉCADAS.


Deixámosvos dous enlaces. Un que vos levará a un percorrido en fotos pola nosa historia e outro para que vos fagades unha idea do espectáculo da celebración dos nosos 30 anos.

1980-2010: A nosa historia en fotografías.

Tamén queremos agradecer unha vez máis a imprescindible e desinteresada participación da Sociedade Cultural Nautilius (Coral e Grupo de Gaitas), de Carlos Castro, Bea Riobó e Avelino González. As súas actuacións deron o toque de calidade a este acto tan entrañable para nós.

Celebración dos 30 anos de O TRASNO Novo Teatro.

Por último expresar o noso orgullo de pertencer a "O Trasno", este grupo que non é só noso senón tamén de cada un dos 61 compoñentes que pasaron polas súas filas nestas tres décadas. O mellor deste acto foi o momento en que todos os ex-Trasnos presentes no Auditorio subiron con nós ao escenario.

Grazas a todos e todas.

12 oct 2010

30 ANOS DE TEATRO: 1980 a 2010.

30 anos de vida do Grupo de Teatro



“O Trasno Novo Teatro” de Vigo.

En outubro deste ano 2010 "O Trasno" cumprimos trinta anos de funcionamento ininterrompido; neste longo período pasaron máis de 60 actores e actrices polo grupo, sendo canteira para grupos profesionais da comarca, para as series televisivas, etc.


Para celebrar esta efeméride dende "O Trasno" vos propoñemos un “Espectáculo Multidisciplinar” que se vai celebrar o próximo sábado 16 de outubro ás 20 horas no remodelado Auditorio do Concello de Vigo. Esperamos a todos/as os/as que pasaron polo grupo nalgún momento, así como amigos/as, simpatizantes e toda persoa que queira pasar un rato entretido e agradable.

Neste “Espectáculo Multidisciplinar” participarán persoas e grupos, de diversos campos artísticos, que teñen colaborado con O Trasno, ou viceversa, ao longo destes 30 anos da nosa historia. Entre os xa confirmados estarán: A Coral e Grupo de Gaitas da Sociedade Nautilius, Carlos Castro Roig (Membro de Fía na Roca, profesor do Conservatorio Superior de Música de Vigo...), Avelino González (polifacético actor profesional, natural de Comesaña, que ademais do teatro toca outros campos como as series televisivas, o cine, os monólogos, as animacións culturais...), e outras sorpresas.

Paralelamente, no mesmo Auditorio farase unha “Exposición de Carteis Teatrais” coa colección do propio grupo na que se atopan carteis desde o ano 1970 ata hoxe, non só do propio grupo senón tamén da maioría de Compañías Profesionais e Afeccionadas de Galiza así como outras do resto do estado.


Fundado en outubro do ano 1980 baixo o nome de “Sociedad Teatral O Trasno” por un grupo de mozos e mozas da parroquia de Comesaña en Vigo.

Estivo funcionando dentro da súa escaseza de medios técnicos, económicos e formativos propios daquel momento, e aínda así chegou a actuar no emblemático Teatro García Barbón coa obra “O pauto de San Formoso do Monte”.

Logo dun tempo fíxose cargo do mesmo Xaime Costas, quen xunto con integrantes do teatro escolar que dirixía e algúns dos fundadores do grupo, inician unha nova etapa que en 1988 coincide co cambio da denominación do Grupo á actual: “O TRASNO Novo Teatro”.


Na súa nova andadura, "O TRASNO Novo Teatro", formou parte dos grupos fundadores da FEGATEA (Federación Galega de Teatro Afeccionado) constituída no ano 2000. Así mesmo nos anos 2007, 2008, 2009 e neste 2010 organizou, respectivamente, o "I, II, III e IV Encontro Teatral S. Andrés de Comesaña” cunha ampla acollida e a participación de grupos locais e do resto de Galiza.


27 sept 2010

4º Encontro Teatral en fotos.

4º Encontro Teatral S. Andrés de Comesaña.

Xa botamos o peche á cuarta edición do Encontro Teatral San Andrés de Comesaña. Dende O Trasno queremos agadecer ás catro compañias participantes o bo traballo ofrecido nas táboas de Comesaña, á Sociedade Nautilius pola súa imprescindible colaboración e, por suposto, ao público que nos acompañou nestes catro sábados disfrutando, iso esperamos, da variedade de estilos teatrais deste 4º Encontro, que foi do espectáculo infantil pasando polo drama ata chegar á comedia.

Agora tócanos a nós coller o carromato e facer novos camiños.

A próxima fin de semana convidamos a todos/as os/as nosos/as amigos/as do norte de Galiza ás actuacións que faremos nos ciclos de Culleredo e Narón.

Teatrais saúdos.

23 sept 2010

Acto final !!

Despois do éxito de Ditea o pasado sábado chegamos á clausura do 4º Encontro Teatral San Andrés de Comesaña.

Para baixar o pano nesta edición vos ofrecemos un espectáculo teatral de alta escola. Non é estraño que Carrachanacacha teña recibido diversos premios por esta obra, o seu ritmo trepidante, a mordaz e irónica crítica ós “valores” da nosa sociedade, o seu humor ácido que conecta ó instante có espectador e lle arrinca sorrisos cómplices con personaxes e situacións, a súa coidada interpretación non defraudará a ninguén.

En fin non a podedes perder.

“Comendo pimentos de Padrom com Tarantino"

é a história dumha criatura que quere ser cantante...

é a história da sua nai, farta de coidar porcos, e do seu pasado...

é a história dum pianista no horizonte...

escrita e dirixida por Leandro Lamas.

15 sept 2010

Teatro de Cámara Ditea: 50 anos de amor polo teatro

Nesta 3ª xornada do noso Encontro Teatral temos o pracer de recibir os nosos amigos de Ditea (Santiago). Presentan unha entrañable e entretida comedia que eles definen así:

“A poucos días de calquera estrea en calquera teatro, reina o desorde: teares caídos, cables por todos lados, etc., etc. E é aquí onde dúas limpadoras irrompen no escenario; dúas mulleres que, inmersas no trasfego cotiá e alleas a todo este enredo faranduleiro van, inconscientemente, deixándose levar por unha sensación de liberación que lles produce o “espazo de ficción” e, pouco a pouco, amosan as súas paixóns afogadas, tecéndose así unha trama na que, a través das súas tráxicas vivenzas - producto do condenado destino- recoñecemos un mundo moi próximo e, paradoxalmente, cómico.

Dous seres traxicómicos que, por un casual, permítense o luxo de soñar un acto efémero e imprevisto.

“Acto imprevisto” é un espectáculo que reflicte a realidade cotiá, unha realidade latente en cada esquina, que a través do humor, intenta aproximarse ao público cun sabor agridoce.”

Vémonos ó sábado no teatro.