O TRASNO Novo Teatro

O TRASNO Novo Teatro
untitled

Integrantes do Grupo
Antía, Raúl, Miriam, Irene, Miguel, Ana, Xaime
Lucía, Sefi, Mª Xosé

"Conversas na cuneta mentres a vida pasa alá fóra"

Creación do propio grupo, baseada en relatos de diversos autores e na amplia información saída a luz co gallo da chamada "Recuperación da memoria histórica".


25 oct 2009

A NOSA HISTORIA

Fundado en 1980 baixo o nome de “Sociedad Teatral O Trasno” por un grupo de mozos e mozas da parroquia de Comesaña en Vigo. Estivo funcionando dentro da súa escaseza de medios técnicos, económicos e formativos propios daquel momento, e aínda así chegou a actuar no emblemático teatro García Barbón coa obra “O pauto de San Formoso do Monte”.

Logo dun breve tempo inactivo fíxose cargo do mesmo Xaime Costas, quen xunto con integrantes do teatro escolar que dirixía e algúns dos fundadores do grupo, inician unha nova etapa que en 1988 coincide co cambio da denominación do Grupo á actual: “O TRASNO Novo Teatro”.

Na súa nova andadura, O TRASNO Novo Teatro, formou parte dos grupos fundadores da FEGATEA constituída no ano 2000. Así mesmo nos anos 2007, 2008 e 2009 organizou, respectivamente, o "I, II e III Encontro Teatral S. Andrés de Comesaña” cunha ampla acollida e a participación de grupos locais e do resto de Galicia.

O longo destes anos producíronse, entre outros, os seguintes espectáculos:

"D2N2,3" (De dous en dous, tres) (2006 - en cartel) Trátase dunha estraña mestura baseada en textos de varios autores: Kafka, M.Kundera, J.Carrigan, J.P.Sartre e outros, dando base a tres diálogos.

“De dous en dous, TRES” tanto que se vexan os devanditos diálogos por separado como no seu conxunto, as situacións presentadas que a primeira vista poderían parecer imaxinarias, quizais non o sexan tanto e será o público quen o teña que descubrir.

Foi seleccionada para participar no IV Festival Agustín Magán (Santiago de Compostela), IV Festival de Teatro Afeccionado Concello de Sada (onde acadou o premio a Mellor Actriz), etc.

Elenco: Ana, Lucía, Miguel, Sefi e Xaime
Luces e Son: Miguel
Maquillaxe: Mª Xosé e Miriam
Dirección: O TRASNO Novo Teatro

“Vixía” (2003-2006) Creación propia partindo de textos de diversos autores. A trama ten lugar nun extrano hospicio de anciáns onde unha peculiar personaxe (a Vixía) marca o ritmo das súas vidas. Esta obra participou, entre outros, no IV Encontro Estatal de Teatro Afeccionado (Narón-A Coruña), II Festival Agustín Magán (Compostela) e II Semán de Teatro Afeccionado de Vigo.

“...muller¿que?” (2004-2005) Neste caso enfrontámonos por primeira vez cun monólogo partindo dun fragmento da obra de Sergi Belbel “Morir”.

“Aldea Mangala” (2001) creación realizada para o Día das Letras Galegas e que se foi ampliando e variando o longo de varios anos.

“O incerto señor don Hamlet príncipe de Dinamarca” (2001) Adaptación dun fragmento da mencionada obra de Álvaro Cunqueiro.

“Foreber” (2000-2002) Partindo do texto de Raúl Dans, novamente creouse un espectáculo o noso estilo. Participou no III Festival Español de Teatro Amateur (Zamora) co texto en galego e n0 I Festival Agustín Magán (Santiago).

“Unha muller , unha historia” (1998-2000) Adaptación do monólogo de Gabriel García Marquez “Diatriba de amor contra un hombre sentado” o cal convertemos nun espectáculo onde se representa a historia que alí se narra.

“Maresol” (1998-1999) o primeiro espectáculo específico para representar na praia, de corte mitolóxico e alta expresividade corporal. Entre outros lugares representouse na illa de Arousa e Malpica de Bergantiños.

“Vacacións para sempre” (1996-2005) espectáculo infantil de sombras chinesas e actores en vivo que tivo unha longa vida.

“Grito de Esperança” (1995-1998) Obra en portugués partindo do texto de Daniel Filipe, complementado con textos de outros autores, representada nos mais singulares espazos escénicos: cárcere de Vigo, pubs, cafés-teatro e ...

“Vinganza ou Xustiza” (1993-1995) Adaptación por primeira vez en Galicia de “A Orestiada” de Esquilo, un traballo realizado polo propio Grupo, transformando as mais de seis horas da obra orixinal en dúas horas e media, sen que perdera a esencia do texto clásico.

“¿Home!” (1988-1992) A primeira obra creada por O TRASNO Novo Teatro que o longo de catro anos represéntase por toda Galicia. Participa na I Mostra de Teatro Galego-Portugués en A Coruña.

Isto non quita que paralelamente houbese outras actividades complementarias:

No ano 2000 co gallo da conmemoración dos 20 anos de teatro, O TRASNO Novo Teatro, levouse adiante unha selección de fragmentos das obras encabezada por un espectáculo de animación “Benvidos ó teatro”.O mesmo tempo a conmemoración do Día das Letras Galegas deu lugar a diversos espectáculos, subliñando “Figuras” (1997) espectáculo de animación para todo tipo de público, “A Estatua” (1999) espectáculo ecolóxico-pedagóxico de animación infantil, e no 2002 espectáculo conxunto con dous grupos de pandereteiras.

Tamén se tomou a iniciativa para a montaxe durante varios anos das Comparsas de Entroido da Sociedade Veciñal Cultural e Deportiva Nautilius, na cal o Grupo integrárase como primeira actividade cultural no ano 1986, acadándose un premio no ano 1999 co “Soldadiño de chumbo”.

Formación:

Os integrantes do Grupo, no seu constante afán de mellora, participan en accións formativas varias, destacando as seguintes:

- Xornadas de Teatro Afeccionado -Compostela
- Xornadas do Consello da Cultura Galega
- Curso de Técnica Vocal
- Mónica de Nut
- Creación da personaxe
- Técnicas de iluminación (Salvador del Río)
- Gabriel Molina (Cafiolos)
- Cursos Maquillaxe
- Spencer FX e Paspallás
- Curso Técnica de Teatro
- Eduardo Alonso
- Foniatría
- Pablo Rodríguez
- Universidade de Vigo
- Convivencia experimental
- Rena Mirewzka do “Grotowsti”
- Obradoiro de teatro
- Iroshi Arai
- Cuba

6 oct 2009

Como despedida: Dobre Sesión

Se o espectáculo anterior era para adultos, o do sábado é absolutamente para Todos e Todas. A "Escola de Teatro Falcatrueiros" de Monterroso ofreceranos dúas obras, "A verdadeira historia da carrapuchiña vermella" e "O Retabriño", teatro en familia feito por rapazas e rapaces que fan desta arte o seu medio de expresión.

O domingo para pechar este "3º Encontro" teatral actuaremos nós, "O Trasno Novo Teatro", organizador do mesmo, teremos a satisfacción de ofrecer "Conversas na cuneta mentres a vida pasa alá fóra" para o noso público máis esixente e fiel.

Obra seleccionada para participar en diversos certames de teatro e gañadora do “XII Certamen de Teatro Don Bosco de Coruña”.


Acudide todas e todos a este fin de festa a compartir a ilusión polo TEATRO.


Ás 20:00 horas no Salón de Actos da SVCD Nautilius
Rúa Sanín Nº 54 S. Andrés de Comesaña – Vigo

28 sept 2009

3ª Xornada. Chega a Comedia

Seguimos a ter unha boa acollida do público e un alto nivel nas obras representadas. Estamos no ecuador do "3º Encontro Teatral S. Andrés de Comesaña" e chegan as gargalladas da man do representante da provincia de Ourense.

"Tiruleque" de O Carballiño ofrécenos "Club PK2". Din no seu programa que se trata dunha comedia de crimes e sexo, non exenta de denuncia social, e indican así mesmo, que é un espectáculo para adultos ou menores acompañados.

Sábado 3 de Outubro ás 20:00 horas no Salón de Actos da SVCD Nautilius.

Rúa Sanín Nº 54 (S. Andrés de Comesaña – Vigo)

22 sept 2009

2ª Xornada.Teatro vangardista

Xa estamos en marcha.

Despois de gozar co bo facer dos actores e actrices de Fontevella, e da satisfacción de ver a gran resposta do público, toca cambiar radicalmente de estilo. O próximo sábado imos ter con nós a “Carfax Teatro” de Culleredo coa obra “O cuarto do príncipe”, unha obra de teatro-danza, cunha posta en escena vangardista e transgresora que non deixará a ninguén indiferente.


Este grupo coruñés leva máis de catro anos representando este espectáculo por todos os pobos e festivais de Galicia, non perdades a oportunidade de velos no "3º Encontro Teatral" de Comesaña.


Sábado 26 de Setembro ás 20:00 horas na Sociedade Nautilius, rúa Sanín Nº 54 Comesaña-Vigo. Entrada Gratuíta.

18 sept 2009

Inauguración do 3º Encontro Teatral

Inicia o Encontro de Comesaña o grupo "Teatro Fontevella", de O Porriño. Colectivo de persoas maiores, ¡algunhas moi maiores!, que dende hai anos veñen facendo do teatro o seu lecer con ilusión e entrega. Presentarán a obra "Pra que viría eu ao médico...! ...nin sempre é anécdota."

Sábado 19 de setembro ás 20 horas, entrada gratuita.

Nos locais da Sociedade Nautilius, rúa Sanín Nº 54 Comesaña-Vigo.