O TRASNO Novo Teatro

O TRASNO Novo Teatro
untitled

Integrantes do Grupo
Antía, Raúl, Miriam, Irene, Miguel, Ana, Xaime
Lucía, Sefi, Mª Xosé

"Conversas na cuneta mentres a vida pasa alá fóra"

Creación do propio grupo, baseada en relatos de diversos autores e na amplia información saída a luz co gallo da chamada "Recuperación da memoria histórica".


9 nov 2011

Conversas na cuneta... en San Vicente do Mar

O vindeiro domingo 13 de novembro ás 19 horas, actuaremos en San Vicente do Mar dentro do ciclo de teatro "Domingos de Outono" organizado pola asociación Roza do Pedrol. Poremos en escena "Conversas na cuneta mentres a vida pasa alá fora" na Casa da cultura Ángel Vázquez Hereder.

 Noticia na Voz de Galicia do 3/11/2011:
A asociación Roza do Pedrol, de San Vicente do Grove, volve apostar un ano máis por poñer ao alcance dos seus veciños o mellor teatro afeccionado que se fai en Galicia. A celebración deste ciclo é posible, segundo explica a entidade organizadora, grazas a unha subvención concedida por parte da Dirección xeral de promoción e difusión da cultura, e ao respaldo da Federación galega de teatro afeccionado (FEGATEA) e da concellería de Cultura do Grove.

Unha aperta e ata o domingo
O Trasno

5 oct 2011

O TRASNO ACTÚA NO CAFÉ "HIPÓLITO BAR"

O noso grupo sempre busca a máxima interacción co público, en moitas das nosas obras participa e noutras somos nós os que invadimos o seu espazo de tranquilos espectadores. Por iso o café-teatro é para nós unha experiencia desexada, procurada e sempre gratificante, onde o contacto direito co público e a súa reacción, que entra inmediatamente polos poros da pel, ante os estímulos que lle propoñemos excita, si excita, a actrices e actores coma ningún outro tipo de representación.

O Trasno ten actuado en cafés tan emblemáticos en Vigo, aínda que lamentablemente desaparecidos, como o "Trincheira" ou o "Odeón", e noutros que por fortuna aínda loitan como o "De Catro a Catro" ou o "Uf", así coma fóra da nosa cidade, coma por exemplo no "Ollo Ledo Café" de Ourense.

Nesta ocasión adaptamos a nosa anterior obra "D2N2,3" para podela representar neste tipo de espazos escénicos e así non perder este vicio de explorar tódalas posibilidades ao noso alcance no maravilloso mundo do TEATRO.
Esta estrea producirase o sábado día 8 de outubro ás 22 horas no café "Hipólito Bar" de Vigo, alí vos esperamos.

22 sept 2011

¡COMEDIA! PARA A ÚLTIMA XORNADA DO 5º ENCONTRO TEATRAL DE COMESAÑA



Chegamos o final, e que mellor que rematar entre gargalladas e bágoas de ledicia.

Por iso mesmo O Trasno vos ofrece a actuación do grupo do Barco de Valdeorras (Ourense) GARGALLADA TEATRO cá obra " A Abraiante Vida de Braian", versión libre e desternillante sobre a vida de Braian, paisano de Xesús de Nazaret, cegado polo amor de Judith entrará como militante na Fronte Popular Xudea e loitará, a súa maneira, para liberar o seu pobo da opresión romana.

Esperámosvos en Comesaña para botar unhas risas xuntos e pechar o 5º Encontro Teatral S. Andrés de Comesaña, organizado por O Trasno.

Saúdos, creatividade e diversión.

16 sept 2011

3ª Xornada do 5º Encontro Teatral en Comesaña

Este sábado 17 ás 21h, ¡ Tócalle ó Teatro Clásico !
O grupo Achádego Teatro de Lugo representa "As Alegres Comadres" de William Shakespeare, unha das mais divertidas comedias de enredo do ilustre dramaturgo inglés.
Despois de chegar o ecuador do Encontro Teatral, Os Trasnos estamos moi satisfeitos da voa resposta do público e de conseguir que grupos de toda Galicia visiten Comesaña e nos deleiten cós seus espectáculos de diversos xéneros.

Gracias e ¡que continúe o espectáculo!

8 sept 2011

2ª Xornada de Teatro en Comesaña


O pasado sábado inaugurou o noso Encontro teatral a compañía Trécola de Ourense. Agasallounos cun emotivo e coidado espectáculo que encandilou a pequenos e maiores: “A ESTRAÑA HISTORIA DOS LADRÓNS DO TEMPO E DA NENA QUE DEVOLVEU O TEMPO ÓS HOMES”. unha revisión de Momo de Michael Ende. 


Pasado mañá, sábado 10, seguindo a idea de O Trasno de ofrecer o espectro mais amplo posible do mundo teatral ós espectadores que se acheguen a Comesaña, cambiamos de rexistro e vos propoñemos a obra "Drammatico" do Grupo de Coruña "Paso de Valverde", un grupo que coida especialmente a expresión corporal e a proxección da voz, onde o actor e a actriz son absolutos protagonistas. 

"Drammatico" é un espectáculo cómico e tráxico. A familia dos cómicos italianos I Fratelli Fratellini chega ao noso país coa sua aposta máis arriscada: por vez primeira na história da compañia apresentarán un espectáculo dramático. Duas xeracións de artistas do mesmo sangue levarán aos palcos unha historia onde o amor morre cedo e a miséria vai cimentando os ocos das relacións familiares. Unha historia de fracasos e ódios non tan lonxanos como quereriamos pensar. 

Desexamos que vos guste.