Onde quer que haxa sociedade
humana, o irreprimible Espírito da Representación maniféstase.
Baixo as árbores de pequenas
aldeas e sobre sofisticados escenarios en grandes metrópoles; en salóns de actos
de colexios e en campos e en templos; en suburbios, en prazas públicas, en
centros cívicos e nos subsolos das cidades, a xente reúnese en comuñón arredor
dos efémeros mundos teatrais que creamos para expresar a nosa complexidade
humana, a nosa diversidade, a nosa vulnerabilidade, en carne e oso, alento e
voz.
Reunímonos para chorar e para
lembrar; para rir e contemplar; para aprender, afirmar e imaxinar. Para
marabillarnos diante da destreza técnica, e para encarnar deuses. Para
deixarnos sen respiración diante da nosa capacidade de beleza, compaixón e
monstruosidade. Imos para enchernos de enerxía e poder. Para celebrar a riqueza
das nosas diferentes culturas, e para facer desaparecer as barreiras que nos
dividen.
Onde quer que haxa sociedade
humana, o irreprimible Espírito da Representación maniféstase.
Nado da comunidade, leva postas
as máscaras e vestimentas das nosas distintas tradicións. Utiliza as nosas
linguas, ritmos e xestos, e abre un espazo entre nós.
E nós, artistas que traballamos
con este antigo espírito, sentímonos impulsados a canalizalo a través dos nosos
corazóns, das nosas ideas e dos nosos corpos para revelar as nosas realidades
en toda a súa cotidianidade e o seu rutilante misterio.
Pero nesta época na que tantos
millóns de persoas loitan por sobrevivir, sofren baixo réximes opresivos e o
capitalismo depredador, foxen do conflito e da escaseza; na que a nosa
privacidade é invadida por servizos secretos e as nosas palabras censuradas por
gobernos intrusivos; na que se aniquilan os bosques, extermínanse especies e
envelénanse os océanos: ¿Qué nos sentimos impulsados a revelar?
Neste mundo de poder desigual, no
que distintas ordes hexemónicas intentan convencernos de que unha nación, unha
raza, un xénero, unha preferencia sexual, unha relixión, unha ideoloxía, un
marco cultural é superior ao resto, ¿pódese realmente defender a idea de que as
artes deberían apartarse das axendas sociais?
Nós, artistas de escenarios e
ágoras, ¿conformarémonos coas demandas asépticas do mercado, ou utilizamos o
poder que temos: para abrir un espazo nos corazóns e nas mentes da sociedade,
para reunir xente ao noso redor, para inspirar, marabillar e informar, e para
crear un mundo de esperanza e colaboración sincera?