O Trasno iniciou esta andaina como organizador con non poucos atrancos, dificultades, escaseza de medios e de apoios, pero grazas ao esforzo de todos/as os/as integrantes e o convencemento de que alguén ten que dar sempre un primeiro paso, o 1º Encontro Teatral saíu adiante en 2007.
Moitos foron os sorprendidos pola boa acollida e o éxito de público, a verdade é que nós tamén. Pero a verdadeira sorpresa ocorreu pasados uns meses, cando a xente de Comesaña, os compañeiros/as de traballo, as amizades, comezaron a facer preguntas insólitas: ¿Que grupos veñen este ano?, ¿Traedes algunha comedia?, ¿Tedes obra infantil?, ¿Vai ser tamén en setembro?... e resultou que esta vez as preguntas foron máis importantes que as respostas; é por iso que chegaron o 2º e 3º Encontros.
Pois ben, hoxe temos o inmenso pracer de presentarvos a programación do “4º Encontro Teatral S. Andrés de Comesaña”.
O noso propósito segue sendo o mesmo, achegar toda a diversidade teatral posible ao público de Comesaña, Vigo e resto do mundo. Ao mesmo tempo, tamén procuramos intercambiar experiencias, maneiras e conceptos cos heteroxéneos grupos que nos visitan, ofrecéndolles un trato persoal, tentando atender as súas necesidades e resolvendo con eles as dificultades que supón, nalgúns casos, adaptarse ao limitado espazo do salón de Comesaña.
Temos que agradecer un ano máis á Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA) a súa imprescindible colaboración para conseguir a subvención económica para pagar aos grupos. Tamén á Sociedade Nautilius e a Elisa, a súa presidenta, que nos deu todas as facilidades para utilizar o Salón de Actos, ademais de encargarse dos agasallos aos grupos participantes, incluíndo os gastronómicos ao remate da función, tan apreciados por actores e actrices.
O día 4 de setembro levántase o pano cunha obra dirixida ao público infantil, seguirá un drama que nos dará unha visión retrospectiva da sociedade contemporánea local e remataremos con dúas hilarantes comedias, tan distintas entre si que semella imposible que pertenzan ao mesmo xénero. Tamén teremos unha exposición conmemorativa do X aniversario da FEGATEA.
Iremos informándovos.
Benvidos e benvidas ao Teatro